Bisbarra, 4 de xullo do 2023 – A histórica política Pilar Candocia forma parte das listas ao Senado que hai unha semana presentou a formación de Yolanda Díaz, Sumar.
Aínda que nunca deixou de estar implicada nos movementos sociais, en especial nos feministas, afastouse na política no 2012. Foi unha das impulsoras das mareas cidadáns que, pese a acabar desaparecendo, significaron un cambio na política autonómica.
Preguntámoslle nunha breve entrevista por esta volta á política, de onde nace e cales son os motivos do retorno
Pilar Candocia explica que está en Sumar porque considera que moitas das políticas que mantiveron á xente durante a pandemia naceron da man de Yolanda Díaz e lembra que ela mesma , como comerciante, sabe o que é que un goberno non apoie á xente durante unha crise.
Non podemos deixar de preguntar pola política local de Ames. Un pouco como un Déjâ Vu hai un alcalde socialista que opta por gobernar en minoría, como sucedera con Carlos Fernández no 2007. Candocia ten a sensación de que a intención de gobernar en solitario é algo que está no adn dos aparatos dos partidos e non cre que sexa positivo.
Traxectoria política
Pilar Candocia foi parte do goberno de Ames nas filas do BNG e en coalición co Partido Socialista no mandato 2003 a 2007. Do 2007 ao 2011 pasaron á oposición cando o Psoe decidiu gobernar en minoría.
No 2012 deixa o BNG, no que militaba desde 1983, e forma Ames Novo que se converteu nunha das primeiras mareas municipalistas. Baixo esas siglas presentouse como candidata á alcaldía nas eleccións do 2015. Dous anos despois, no 2017, decide deixar a formación por diferencias internas e afastarse da política.
Do seu traballo como concelleira no período 2003 a 2007 queda a recuperación das escolas infantís para a xestión pública e a maioría dos programas de conciliación que seguen funcionando no concello. Ao marxe da política a súa participación nos colectivos sociais en xeral e feministas en particular é constante ata hoxe en día.