Padrón, 25 de outubro do 2021 – O Bloque Nacionalista Galego de Padrón ven de presentar un escrito reclamando reparacións no Centro Médico e a Aula CEMIT.
Os nacionalistas demandan tamén unha avaliación da situación na que se atopan as instalacións municipais e un plan de mantemento. No escrito consideran as reparacións no centro médico e no CEMIT moi urxentes e piden que se fagan de xeito inmediato.
As deficiencias en estas instalacións xa foran denunciadas en anteriores ocasións. O BNG considera que a falta de investimento para o mantemento e coidado das instalacións municipais fixo que os problemas foran a máis.
No Centro Médico a sala de fisioterapia presenta goteiras, o falso teito estase desfacendo e o chan presenta irregularidades e gretas que dificultan a limpeza e desinfección. Material sanitario como camillas e outro mobiliario presentan roturas e desprenden mal olor.
A Concelleira do BNG, Bea Rei, explica no escrito presentado no Concello, que outra instalación con desperfectos é a sala do CEMIT, onde o falso teito está desaparecido. Este desperfecto, entre outros, foi notificado ao Concello fai xa un ano sen que fora solucionado.
O BNG, acompañou o escrito con fotografías do Centro de Saúde e da aula do CEMIT que mostran claramente o estado de deterioro e abandono de ambas instalacións.
Bea Rei espera que o Goberno tome nota e, non só arranxen os desperfectos de estas instalacións, senón que ademais revisen as demais dependencias e cumpran co seu mantemento. Con esta finalidade, a concelleira nacionalista, demanda unha avaliación sobre a situación das instalacións municipais e un plan de mantemento. Piden tamén que se dea prioridade ás instalacións con maior afluencia de público como colexios, centro médico, biblioteca, ou pavillóns polideportivos.