Compostela, 27 de outubro do 2020 – Compostela Aberta levará ao vindeiro pleno unha moción esixindo que se convoque a Comisión encargada de avaliar o modelo de xestión do ciclo da auga.
En rolda de prensa o concelleiro Xan Duro acusou ao goberno local de “ignorar os acordos plenarios e de intentar tomarlle o pelo aos grupos da oposición, ata o punto de tomarnos por parvos. Non hai outra explicación ao feito de que o alcalde siga sen crear unha comisión para estudar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os servizos de auga e saneamento, malia a que Bugallo se comprometeu a facelo no pasado mes de xullo, cando o Pleno aprobou unha proposta de CA nese sentido”.
Unha proposta aprobada en pleno
A proposta á que alude Xan Duro foi levada a pleno o pasado 30 de xullo. A acta recolle que o pleno acorda, cos votos a favor de PP, BNG e Compostela Aberta e a abstención do Psoe, “Instar á presidencia da corporación a crear unha comisión de estudo encargada de determinar a forma máis sostible e eficiente de xestionar os servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais, con representación proporcional de todos os grupos municipais e dos servizos municipais necesarios”. O segundo punto aprobado insta a que
“unha vez creada a devandita Comisión se impulse un Foro para socializar os traballos feitos e abrir un debate público coa participación da veciñanza e do tecido asociativo de Santiago para facelos partícipes dunha decisión de tanta transcendencia como a relativa á xestión dun ben de primeira necesidade como é a auga”.
Xan Duro foi moi crítico co Goberno municipal xa que “segue a demostrar que entende que non ten obriga de cumprir os acordos plenarios, sobre todo se non contan co voto favorable do PSOE aínda que susciten a unanimidade entre os grupos da oposición”.
Duro lembrou que no pleno de xullo o conxunto da oposición entendeu que non se pode tomar unha decisión sobre unha concesión a 25 anos, que polo tanto lle afectará aos catro próximos gobernos, sen antes ter analizadas todas as opcións posibles. Os tres grupos coinciden, ademais, en que é eticamente cuestionable que esa decisión a adopte un Goberno en minoría.
O concelleiro de Compostela Aberta explicou que, tamén en xullo, o alcalde “chegou a falar coas voceiras da oposición da constitución e da composición dese órgano, pero tres meses despois seguimos sen ter noticias”. Por ese motivo volverán a levar ao Pleno de outubro unha moción na que se reclama a creación desa comisión na que estean representados todos os grupos municipais.
Para Xan Duro, “é evidente que o PSOE tén tomada a decisión de concesionar o servizo da auga a 25 anos, e é moi probable que non queira crear a comisión sobre os diferentes modelos de xestión porque teme que ese órgano chegue á conclusión de que o seu modelo non é nin o máis sustentable e eficiente, nin o que máis lle convén aos intereses da veciñanza de Santiago”. O concelleiro de Compostela Aberta insistiu en que CA “non está a esixir a municipalización da auga, senón que está a esixir que se avalíen todas as alternativas, que se estuden e se elaboren os informes precisos, nun proceso que sexa participado polo conxunto da corporación municipal e no que tamén se teñan en conta as opinións e valoracións dos técnicos municipais”.