Tordoia, 26 de xaneiro do 2022 – Os socialistas de Tordoia demandan da Xunta que financie o arranxo das pistas da concentración parcelaria de Gorgullos e Viladabade.
A deputada santiaguesa Noa Díaz visitou Tordoia onde se reuniu co voceiro municipal socialista, Tomás Castro. Díaz explica que “Esta cuestión é prioritaria para o municipio de Tordoia, xa que as reorganizacións parcelarias datan de finais dos anos 60 e, durante todo este tempo, estiveron abandonadas tanto polo concello como pola Xunta”.
Ao fío disto, a socialista denunciou o “desleixo” do goberno galego con respecto ao concellos do rural, onde “as vías de comunicación son vitais para poder traballar as parcelas de alta importancia agraria”, como é o caso de Tordoia, onde “a actividade agrícola e gandeira constitúe o sustento principal da economía de moitas familias e a produción láctea é das máis importantes de Galicia”.
A dirixente socialista reivindicou o peso das máis de 7.000 explotacións lácteas galegas que producen cada ano 2,8 millóns de toneladas de leite. O sector, incidiu, xera máis de 20.000 empregos e achega o 1,5% do PIB galego. “Estas cifras fan que Galicia sexa a rexión máis produtora de España e se manteña entre as dez primeiras de Europa”, concluíu.
