O Pino, 28 de setembro do 2021 – O Grupo Municipal Socialista do Pino leva ao Pleno unha iniciativa na que insta ao Goberno local a levar a cabo unha revisión completa do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Os socialistas piden que a revisión do PXOM contemple a demanda de chan industrial, vivenda accesible para os xoves, ou cambios de denominación de solo de protección rústica. Este último cambio afectaría a zonas de terreo illadas e sen actividade agropecuaria “temos que aproveitar ditos predios para a produción forestal, evitando así o continuo abandono e a improdutividade da terra”, indican.
Un Plan de Ordenación que é “un gran fracaso”
O voceiro socialista, Oscar Vilar, cualifica o actual Plan Xeral de Ordenación como o “Gran Fracaso da xestión Taboada. Un concello como o noso, que limita coa capital galega, non medra en poboación, o chan industrial dispoñible é o mesmo que existía no ano 2003, é dicir, igual a cero metros cadrados, isto é a triste realidade na que nos atopamos dezaoito anos despois”.
O Psoe engade que “o Plan Xeral non está adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, nin tampouco a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e moito menos a realidade social. “Unha realidade social totalmente distinta a que se daba a comezos do século XXI, polo tanto sobran motivos para demandar a revisión do Plan” manifestan.