Compostela, 4 de xuño do 2021 – O Partido Popular de Santiago ven de solicitar ao goberno municipal a restauración do tren histórico situado na estación de ferrocarril.
Os populares critican a actitude do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, ao que acusan de falata de sensibilidade e non entenden que diga que ese tren ofrece unha imaxe lamentable e non pinta nada nese lugar”.
O PP explica que a idea do alcalde de retirar a locomotora e o vagón contrasta coa actitude do seu grupo e mesmo da súa persoa no pasado. O vagón foi rehabilitado no ano 1985, durante o primeiro goberno presidido por Xerardo Estévez con Sánchez Bugallo como xefe de gabinete, empregando os propios medios municipais. Posteriormente, con Sánchez Bugallo no seu terceiro mandato como alcalde, no ano 2006, engadíuselle a locomotora. Alí instalouse unha maqueta que visitaron dous anos despois centos de escolares nunha xornada presidida por Manuel Fraga e o propio Sánchez Bugallo.
Para o portavoz Popular Sánchez-Brunete, “resulta preocupante a visión estética do alcalde que condena unha locomotora e un vagón históricos e integrados no medio ferroviario, mentres defende e mantén gastando centos de miles de euros unha estrutura extravagante e allea a súa contorna como é o adefesio da Casa da Xuventude”.
Para Sánchez-Brunete, “o que procedería sería que o Goberno local se preocupara da conservación e mantemento desta infraestrutura, como fixo no pasado, colaborando coa Asociación Compostelána de Amigos do Ferrocarril que ten alí a súa sede, para a súa posta en valor”. Estas instalacións, que ao parecer presentan en xeral un bo estado interior, precisarían unicamente dun pequeno investimento para a súa rehabilitación e pintado que lle permitiran sacar partido tamén ao seu interior, posto que albergan unha sala de reunións, biblioteca, oficinas, unha singular maqueta ferroviaria e unha cabina que simula o cadro de mandos dunha vella locomotora.
Un espazo que, xunto coa nova estación intermodal, podería empregarse para distintas actividades escolares, culturais e mesmo turísticas. Unha acción de posta en valor semellante foi levada a cabo nos últimos anos polo Concello de Vedra ao rehabilitar un vagón de 1982 para convertelo nun coworking, un lugar compartido para o traballo que foi recoñecido recentemente polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
Mostras da historia do ferrocarril galego
A locomotora diésel eléctrica ALCO 1808 que se mostra na explanada ferroviaria é unha das 24 unidades de fabricación norteamericana adquiridas por Renfe en 1958 para substituír ás vellas máquinas de vapor. Un modelo idéntico foi o que fixo a viaxe inaugural da liña entre Ourense e Santiago o 8 de setembro de 1958, que acurtou notablemente o tempo de viaxe a Madrid ao evitar os rodeos pola Coruña ou Redondela. Na actualidade unicamente se mantén operativa outra máquina como esta no Museo do Ferrocarril Galego en Monforte de Lemos.
Pola súa parte, o vagón de viaxeiros, coñecido popularmente como “Verderón” pola súa color orixinal, foi construído cara a 1930 e, despois de pasar varios anos estacionado nas vías da estación compostelá, foi rehabilitado en 1985.