A Estrada, 19 de xullo do 2021 – Despois de reclamar a reapertura do Museo do Pobo da Estrada o BNg pide que se recuperen outros edificios público abandonados.
Os nacionalistas explican que tanto a estación de autobuses, como o centro ictioxénico ou o matadoiro converten a Estrada nun “cemiterio de edificios públicos”.
A voceira do BNG, Susana Camba, repasou para os medios a lista de inmobles “Centro Ictioxénico entre Cora e Couso, o Matadoiro, o Museo e non nos podemos esquecer da estación de autobuses, que languidece desde hai anos, sen que concello ou a Xunta miren por poñela en funcionamento ou darlle outro uso a ese espazo”.
A nacionalista mostrouse moi crítica co goberno municipal “No PP deben pensar que eses edificios saíron de balde, mais a realidade é que a Estación de Autobuses tivo un custe para o erario público de 130 millóns de pesetas de 1994, a día de hoxe facer un edificio desas características superaría o millón de euros”, explica a concelleira do BNG.
A última referencia sobre o edificio da estación data do 2005. Ata ese momento estivo en réxime de concesión. En marzo de ese ano abríase unha nova licitación que, en principio, quedou baleira.
Susana Camba indica que “a estación non ten funcionamento como tal desde hai anos, e hoxe o seu interior é un espazo onde se amorea todo tipo de refugallo; desde o BNG pensamos que xa é hora de que Xunta e Concello fagan algo para rehabilitar ese espazo”.
Susana Camba insta “ao goberno municipal a moverse e actuar; o noso concello estase a converter nun cemiterio de edificios públicos, mais tamén privados, abandonados, e iso, por moito cemento que queira poñer o alcalde na Alameda, non é unha boa imaxe para A Estrada, aparte de que é tirar cos cartos de todas e todos”.