Compostela, 21 de setembro do 2021 – O grupo Municipal Popular de Santiago pídelle ao goberno municipal a limpeza e mellora da contorna da igrexa de Santa Marta.
A vicevoceira popular, María Castelao, levará a petición ao vindeiro pleno ordinario. Reclaman que se realicen labores de roza na finca colindante coa igrexa de santa Marta así como a súa limpeza e mellora do firme de acceso.
Castelao lembra que “no mes de xullo do ano pasado xa presentamos unha iniciativa na que dabamos traslado do malestar pola falta de limpeza e mantemento dos arredores da igrexa parroquial e da rúa Emilia Pardo Bazán, onde se asenta tamén un centro educativo”.
Naquel momento, o Grupo Municipal Popular xa expresaba que nesa zona “acumúlase maleza, deteriórase o firme e require unha actuación en consonancia do que representa para o conxunto do barrio”.
María Castelao subliñou que a concelleira de Medio Ambiente adiantou en xullo de 2020 que se ían adoptar “medidas urxentes” para adecuar a contorna da igrexa de Santa Marta. “Pasado máis de un ano, a situación segue a ser practicamente a mesma” explica.
A concelleira popular inscribe esta nova proposta no conxunto de iniciativas coas que, desde o inicio do mandato, “vimos advertindo da necesidade de levar a cabo distintas actuacións que poñan remedio ás constantes demandas da veciñanza da zona que reclaman atencións e servizos básicos que solucionen as carencias que padecen desde hai moito tempo”.