Compostela, 14/07/2026 – O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamará no Pleno ordinario de xullo que o Goberno municipal elabore e aprobe unha nova ordenanza de convivencia. Lembra que o documento actual non se modificou desde hai vinte anos.
Guinarte explica que a actual ordenanza de convivencia “quedou totalmente desfasada e a cidade necesita unha ordenanza transformadora, moderna e actualizada”. O voceiro lembrou ademais que a normativa vixente foi concibida principalmente para regular cuestións relacionadas coa limpeza e os residuos, polo que “xa non dá resposta aos retos actuais da convivencia”.

O voceiro socialista advertiu tamén que “moitas das condutas que afectan á convivencia” están hoxe dispersas en distintas ordenanzas municipais, unha situación que, segundo explicou, “xera confusión e dificulta a súa aplicación”.
Guinarte apostou por “unha ordenanza de convivencia que unifique esa regulación, que sexa clara e accesible e que sirva de guía práctica tanto para a cidadanía como para as persoas que visitan Santiago, ademais de constituír unha ferramenta útil para os servizos municipais”.
Non só sancionar
Sindo Guinarte pon o foco sobre o modelo que segundo o concelleiro “non pode concibirse unicamente desde unha perspectiva sancionadora. Ten que incorporar unha visión pedagóxica, preventiva e de sensibilización, promovendo o civismo, a corresponsabilidade e a mediación como instrumentos para mellorar a convivencia e previr os conflitos”,
Finalmente, Guinarte defendeu que “a elaboración da nova Ordenanza de Convivencia conte cun verdadeiro diálogo co tecido social e veciñal” para acadar “o maior consenso posible” arredor dunha norma que debe contribuír “a facer de Santiago unha cidade máis cívica, respectuosa e preparada para os retos presentes e futuros”.
