O BNG de Ames, presenta unha moción para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Riamontes. Para os nacionalistas suporía un importante enriquecemento do patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e medioambiental do Concello.
A Deputación ven de anunciar a creación dunha nova liña de subvencións destinadas á protección especial do patrimonio, Xosé Luis Penas, deputado provincial de Contratación, Patrimonio e Equipamento explica que “está pensada para actuar sobre aqueles bens que se atopan en risco de desaparición.

Unha iniciativa pioneira que busca apoiar economicamente actuacións municipais de recuperación do patrimonio tradicional, especialmente as de pequena escala pero de alto valor patrimonial e social”. Engade que as axudas “son para concellos de menos de 50.000 habitantes porque non queriamos que, por exemplo, Ames quedara fóra.
A voceira do BNG de Ames Escarlata Pampín, explica que “Esta liña de axudas representa unha oportunidade idónea para que o Concello de Ames poida acceder a recursos externos e desenvolver un proxecto integral de restauración e posta en valor dos muíños da Ruta de Riamontes, contribuíndo así á conservación do noso legado cultural e á dinamización turística e económica da zona”.
O período de execución desta subvencións é do 1 de xaneiro do 2026 ao 30 de xuño do 2027, dende o BNG de Ames pídenlle ao goberno municipal que as soliciten para recuperar e pór en valor estes muíños da Ruta de Riamontes.
