Boqueixón, 1 de xuño do 2018 – O programa Un mes e Pico, Ciclo da Mitoloxía e da Sacralidade do Pico Sacro continúa a súa andaina este sábado 2 de xuño coa proxección de Lupa, na procura do mito da Raíña Loba. A cita terá lugar ás 19.00 horas na Capela de San Sebastián.
A presentación do documental Lupa, na procura do mito da Raíña Loba estará presidida polo alcalde, Manuel Fernández Munín, polo director do audiovisual, Rafael Quintía, e parte do seu equipo. O Concello de Boqueixón colabora nesta produción, xa que, en verbas do rexedor, “pretende a divulgación do patrimonio cultural de Galicia. Ademais, este audiovisual está directamente vinculado ao Pico Sacro, centro en torno ao cal xira toda a programación do ciclo cultural que ofreceremos ata o próximo 29 de xuño”.
O documental presenta unha aventura coa que se percorre todo o país na procura dun dos mitos máis significativos da cultura galega en xeral e da cultura de Boqueixón e do Pico Sacro, en particular: o mito da Raíña Lupa e o mito da traslación do apóstolo Santiago. No audiovisual realízase unha viaxe fascinante patrimonio material e inmaterial, montes sagrados, covas misteriosas, cidades asolagadas e moitas das paisaxes naturais e míticas que fan de Galicia unha auténtica xoia cultural. Especial importancia en todo este percorrido, como fito histórico e referente na cultura xacobea, ten o Pico Sacro, escenario natural onde tiveron lugar algún dos feitos máis relevantes da Lenda da Raíña Lupa. Precisamente esta é unha das temáticas que sobre as que se afondará no ciclo Un mes e Pico.
A proxección concluirá cunha degustación gratuíta de cervexa Nasa. Esta terá lugar no exterior da Capela de San Sebastián. Por motivos de organización e polo aforo limitado, é preciso formalizar unha inscrición previa para poder asistir a esta actividade. Esta deberase realizar no Departamento de Emprego, Formación e Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com).
