Oroso, 11 de xullo do 2017 – Petre Abraham Smeu, veciño de Porto Avieira (Oroso), vén de conseguir o segundo premio de violín no XVIII Concurso Internacional Cidade do Fundao 2017, certame organizado pola Academia de Música e Dança do Fundao e a cámara municipal do Fundao e que tivo lugar do 3 ao 7 de xullo nesta vila portuguesa.
Petre Abraham Smeu representou a España na Categoría V xa que “ao ter gañado o primeiro premio na súa categoría o ano pasado, este ano non puido presentarse á mesma e tivo que competir nunha categoría superior, con músicos de 18 anos cando Abraham ten so 15 anos”, explica o seu pai Theodor Smeu Stermin.
Un feito que valora especialmente o concelleiro de Cultura, Luís Rey, quen salienta que “ten moito mérito gañar un segundo premio nestas circunstancias e nun concurso no que participaron 135 músicos de Portugal, España, Brasil, Holanda e Alemaña”. Unha circunstancia á que non é allea o músico orosán, xa que con tan só 13 anos obtivo tamén o segundo posto da Categoría IV no XVI Concurso Internacional Cidade do Fundao 2015, na que se enfrontou a músicos de 15 e 16 anos. Un ano despois, en 2016, conseguiría o primeiro premio da Categoría IV no XVII Concurso Internacional Cidade do Fundao.
Petre Abrahan Smeu agradeceu “o labor dos seus profesores: Grisha Nedobora, Anca Smeu, Lev Chistiakov e David Grimal”, así como “o apoio incondicional do Concello de Oroso”. Petre Abraham Smeu recibiu en 2016 un dos premios da Gala da Cultura como Mellor Promesa e participou como intérprete convidado na edición deste ano, sendo habitual que amenice coa súa música os actos culturais que organiza o Concello de Oroso.