A Estrada, 11 de xaneiro do 2018 – O BNG pedirá no Parlamento o arranxo do perigoso cruce de Baloira que leva a San Xiao de Vea, San Xurxo e Cesures.
O BNG explica que a veciñanza que pasa polo cruce de Baloira ten que atravesar os tres carrís da PO-841 o que supón un gran perigo. A perigosidade vese incrementada pola situación do cruce, en medio dunha recta, onde se alcanzan altas velocidades en ambos sentidos.
O BNG lembra que no cruce xa se rexistraron accidentes de distinta consideración polo que reclama a Xunta, titular da estrada, solucións para Baloira.
O BNG solicitará o arranxo do cruce a través dunha iniciativa no Parlamento Galego, que rexistrará o deputado Luís Bará. O BNG engade que a solución é unha cuestión técnica que deben resolver os profesionais pero consideran que un paso subterráneo sería unha boa opción.