A reportaxe de este mes l´veanos ao Pazo do Cotón, que se mantén a sombra do que foi unha fortaleza ó pe do antigo Camiño Real; en Negreira. Os sucesivos engadidos ao longo dos últimos 300 anos non conseguiron agochar as torres do que foi probablemente unha construción defensiva pero si as súas orixes que se perden na noite dos tempos.
O pazo situase na Carreira de San Mauro que forma parte do camiño de Fisterra; as principais modificacións tiveron lugar no século XVII pero mantivéronse dúas torres circulares que a dicir de Ángel Pardo de Vera, o actual propietario, son únicas en Galicia; coas torres conserváronse tamén pequenas partes e tubos das antigas murallas.
O camiño de Santiago a Fisterra pasa por debaixo das arcadas que unen os principais edificios do conxunto coa capela, do século XVIII, que os veciños seguen a usar como igrexa parroquial; sobre estas arcadas sitúase o chamado salón dos arcos, unha das estancias máis bonitas de todo o conxunto; esta ampliación foi realizada polo mestre canteiro Domingo de Fontela por encargo de D.Gregorio Agustín de Luaces Saavedra e Mariño de Lobeira.
Algunhas fontes apuntan que de aquí é orixinario o trobador medieval Alfonso Eanes de Cotón; nas orixes o pazo pertenceu os Luaces e Mariño de Lobeira, despois de pasar por diferentes mans no XIX ocupan a propiedade os Pardo de Vera Fabeiro que o usaron ata mediados do século pasado, de feito Ángel, un dos actuais propietarios, viviu alí ata os dez anos . O pazo estivo sempre moi integrado co pobo de Negreira e de feito foi a súa primeira casa consistorial; Vitoriano Fabeiro, avó do actual propietario, foi médico na vila e alcalde durante a república; no Pazo, onde tiña a consulta, sempre atoparon medicinas os máis desfavorecidos e algunha muller sen recursos o quedar viúva fo acollida no Cotón; do bo recordo que deixou da mostra o busto que diante do actual centro médico o lembra e que foi construído por suscripción popular.
As costas do pazo atópase unha magnifica carballeira con outros arbores centenarios que pertence tamén as edificacións aínda que en este caso a familia mostrouse disposta a cedela para disfrute dos veciños pero a administración local nunca tivo en conta a proposta. Os edificios ocupan máis de 21.000 m2 e agora solo son usados en verán de forma continuada aínda que durante o inverno os propietarios acoden de cando en vez para realizar limpezas e arranxos. Foi usado tamén para rodar a película La Promesa protagonizada por Carmen Maura e na que se pode ver o interior do Pazo en toda a súa beleza.
O Pazo do Cotón e un labirinto de recordos e pedras que forma parte indisoluble da historia da vila de Negreira, un espazo que preservar e poñer en valor non so por ser unha construción única se non por ser o berce do que saíu a vila de Negreira.