Compostela, 10 de novembro do 2021 – O Museo do Pobo Galego fai unha edición especial de Camiñar é preciso, a proposta de visita comentada cun guía oficial.
Unha única data este domingo día 14 para este Camiñar é preciso tamén en outono. Unha visita dirixida polo historiador da arte e guía oficial de Galicia Xose Antom Serem.
No paseo reflexionase sobre un acto tan cotiá como é o de camiñar. A través do itinerario de hora e cuarto de duración, os asistentes coñecerán o Museo e súa contorna, paseando polo parque e cemiterio de Bonaval, admirando a arquitectura do antigo convento de San Domingos e reparando nos obxectos do Museo.
O custe da actividade é de 4 euros, agás para a xente socia, que é de balde. As prazas son limitadas. Para reservas, hai que enviar un correo electrónico a servizosdeac@museodopobo.gal antes do venres 12 ás 14h.
A actividade está patrocinada polo Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.