Padrón, 27 de abril do 2017 – O Concello de Padrón pechou cun rotundo éxito as Festas de Pascua 2017 con máis de 186.000 visitantes e un volume económico estimado na vila de algo máis de 2,2 millóns de euros.
Estes datos son elaborados a raíz das cifras cruzadas da Policía Local, Protección Civil, a oficina de Turismo e as distintas concellerías encargadas da organización dos actos.
En canto a asistencia, o goberno local considera que esta edición foi unha das máis multitudinarias dos catro séculos de historia da Pascua padronesa, xa que achegáronse 186.000 persoas, 6.000 máis das previstas pola organización. Ademais, bateuse o récord histórico de público nunha soa xornada festiva, xa que o Domingo de Pascua, 16 de abril, a vila acolleu a 68.000 persoas. Polo demais, a segunda data máis concorrida foi o Domingo de Pascuilla con 30.000 asistentes.
Estas cifras xa permiten ter unha primeira avaliación económica da festa, que xerou un volume económico de 2,23 millóns de euros nas 16 xornadas festivas en base a un parámetro habitual neste tipo de eventos que cifra o gasto de cada asistente en 12 euros por persoa e día.
“Padrón, en boca de todos”
“As elevadísimas cifras de público, que encheu Padrón durante máis de dúas semanas e desbordouno no Domingo de Pascua, e o impacto económico que estas festas tiveron no concello fannos sentir moi satisfeitos do inxente traballo realizado”, manifestou o alcalde, Antonio Fernández Angueira, que cre que “Padrón estivo en boca de toda Galicia durante este mes de abril e acadou un impacto social e económico de gran importancia para os veciños, comerciantes, hostaleiros e empresarios”.
Pola súa banda, a oficina de turismo de Padrón funcionou a pleno rendemento durante a derradeira quincena ao atender a 3.582 persoas, o que supón unha media de 240 por día. Destes visitantes, 2.286 pertencían a grupos organizados e os 1.356 restantes acudiron de xeito individual. Un total de 584 pelegríns do Camiño portugués atopábanse entre eles e tamén gozaron dun pouco de lecer na Pascua 2017.
Entre os visitantes a estas festas destacou a presenza de galegos así como de xente procedente de Madrid e Castela e León. Entre os estranxeiros, e a práctica totalidade deles por mor da ruta xacobea, compareceron franceses, portugueses, hindúes, sudafricanos, colombianos, australianos ou uruguaios.
“O goberno local quere agradecer a todas as persoas que traballaron arreo e aos veciños de Padrón, pola súa hospitalidade e elevada participación, a súa aportación para que a Pascua 2017 fora unha das máis exitosas da súa historia, algo recoñecido unanimemente nas rúas e que nos enche de satisfacción polo esforzo e cariño que puxemos”, explicou Angueira, que quixo solicitar desculpas se houbo algún pequeno problema ou molestia, pero cre que “a xente pode entender calquera circunstancia anómala pola gran afluencia de público e a dificultade para controlar a estas multitudes”. Finalmente, animou a todo o mundo a que reserve un oco na súa axenda para asistir á Pascua 2018, que se desenvolverá do 24 de marzo ao 8 de abril.