Bisbarra, 13 de marzo do 2024 – Unha reunión entre Deputación, Xunta e concello de Santiago de Compostela confirma o apoio das administración ao parque de bombeiros comarcal.

O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, no que están Deputación e Xunta, renovou o compromiso coa comarcalización dos bombeiros. Hoxe os alcaldes dos concellos implicados reuniranse en Compostela para coñecer o resultado da reunión.
O investimento por parte da Xunta e a Deputación, compartido ao 50%, ascenderá a tres millóns de euros, dos que dous millóns irán a sufragar as obras do novo parque de bombeiros e un millón anual para financiar o funcionamento deste servizo comarcal. Tanto a Deputación como a Xunta de Galicia teñen xa consignadas estas partidas económicas nos seus orzamentos deste ano.
Pola súa banda, o concello de Santiago encargarase da contratación do persoal, da licitación do servizo e da contratación das obras precisas. A administración local comprometeuse a enviar a documentación técnica precisa para avanzar na tramitación de cara á sinatura ao longo deste ano do convenio para a comarcalización do servizo de bombeiros, que podería comezar a prestarse de forma provisional desde as instalacións actuais de Compostela.
No encontro celebrado participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o deputado provincial José Ramón Rioboo, e o concelleiro de mobilidade, convivencia e centros socioculturais de Santiago, Xan Duro.