Bisbarra, 29 de setembro do 2022 – O grupo socialista ven de reclamar ao Conselleiro de Educación que recupere os 3 profesores suprimidos no IES Virxe do Mar de Noia.
Este recorte de persoal docente provocou as queixas e un rexeitamento de toda a comunidade escolar. A Parlamentaria socialista Noa Díaz presentou unha pregunta oral polo recorte de prazas nun centro que “co mesmo alumnado perdeu xa 7 profesores nos últimos anos”.
A responsable socialista acusou ao goberno galego de provocar o deterioro da calidade educativa no centro, obrigando a que os docentes “vaian impartir materias para as que non teñen formación específica ou mesmo reducir as optativas”. Isto leva aos alumnos a cambiar as preferencias ao respecto dos estudos superiores que pensaban cursar.
Díaz denuncia ademais a masificación nas aulas do centro, prexudicando especialmente na atención á diversidade ou a orientación. Estes recortes, dixo, “obrigan ao centro a abandonar proxectos nos que estaba a participar, a suprimir a sección bilingüe, obrigan por exemplo ao profesor de matemáticas a impartir clases de plástica, mentres o de bioloxía ten que dar clase de educación física. A falla de profesorado chega ao punto de que un instituto de dous edificios tan só conta con dous profesores de garda”.
Impostos para os ricos
A parlamentaria criticou tamén a “merma do profesorado” que afecta aos centros educativos ao longo de toda Galicia. Lamentou que dentro da “lóxica do PP, que sabe que canto máis asfixien á educación pública menos recursos necesitarán, e así poderán seguir baixándolle impostos aos ricos”. Reivindicou a educación pública como “primeiro chanzo para a igualdade de oportunidades”, e defendeu o reforzo do profesorado neste centro nun debate ao que asistiu o grupo municipal socialista.