Compostela, 16/03/2026 – A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) deu a coñecer este domingo o palmarés da súa XXI edición nun acto celebrado no propio Museo do Pobo Galego.
Na clusura e entrega de premios da MICE participaron o xurado das seccións oficiais, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, María Xosé Fernández Cerviño, ademais do cineasta Berio Molina e representantes das películas premiadas.
O xurado das seccións oficiais decidiu outorgar os seguintes premios:
Premio á Mellor Película da Sección Internacional: Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires
Premio á Mellor Película da Sección Galicia: Furada Negra, de Berio Molina
Premio Excelencia Etnográfica: Alboroque, de Sabrina Fernández Casas
Segundo o xurado da MICE, as obras recoñecidas nesta edición comparten unha mirada atenta ás transformacións sociais, económicas e culturais dos territorios, desde fenómenos como a turistificación ou a migración ata a relación co patrimonio e coa vida comunitaria, abordadas desde propostas cinematográficas moi diversas.
O premio internacional recaeu en Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, pola súa capacidade de narrar dende a mirada do particular ata abrir unha reflexión máis ampla sobre a dependencia económica do turismo e a perda de identidade como pobo, así como polo maxistral emprego da animación mesturada coas voces reais da veciñanza do Algarve.
Pola súa banda, o premio ao mellor filme galego foi para Furada Negra, de Berio Molina, polo tratamento do material de arquivo e, en especial, polo traballo sonoro que constrúe, co que revisita de maneira poética o carácter histórico e simbólico do patrimonio natural.
O xurado recoñeceu ademais Alboroque, de Sabrina Fernández Casas, coa distinción á excelencia etnográfica pola súa capacidade para construír o relato e a análise etnográfica mediante recursos fílmicos e narrativos que revelan múltiples capas da realidade, desde as consecuencias das permanencias e das ausencias provocadas pola migración no contexto rural ata o contraste entre o traballo forestal e o industrial, así como a importancia da dimensión comunitaria.
Tres pezas que destacan dentro das liñas que atravesaron as seccións competitivas desta edición e que dialogan co espírito da MICE ao explorar, desde distintas linguaxes cinematográficas, as relacións entre memoria, territorio e comunidade.
Unha liña de traballo que define o festival desde a súa orixe e que o converte nun espazo singular dentro do panorama audiovisual dedicado a explorar os cruces entre cinema e antropoloxía.
O palmarés desta edición foi decidido por un xurado que reuniu tres miradas complementarias sobre o cinema do real: a cineasta e montadora Iria Silvosa, vinculada á cooperativa cultural NUMAX; o crítico Denís Area, colaborador da revista A Cuarta Parede; e a antropóloga Bibiana Martínez Álvarez, investigadora formada na Universitat de Barcelona.
Tres perfís pertencentes a unha nova xeración de profesionais vinculados á creación, á crítica e á investigación que achegan unha mirada plural e contemporánea ás múltiples formas que adopta hoxe o cinema etnográfico.
O palmarés desta edición da MICE presenta ademais unha presenza moi destacada de cineastas mulleres. As directoras Laura Gonçalves e Alexandra Ramires, autoras de Percebes, e a realizadora Sabrina Fernández Casas, premiada por Alboroque, forman parte dun conxunto de creadoras que están a renovar as formas de aproximación ao cinema desde linguaxes diversas e miradas profundamente ligadas ás comunidades e aos lugares que habitan.
Nun momento de especial vitalidade para o cinema documental e as prácticas audiovisuais híbridas, a XXI edición da MICE destacou pola pluralidade de propostas que atravesaron a programación. Desde o cinema observacional ata o ensaio audiovisual, pasando pola animación ou os formatos próximos ás prácticas artísticas contemporáneas, as películas participantes ofreceron distintas formas de aproximación ao real, poñendo o foco nas relacións entre persoas, territorios e paisaxes en transformación.
A XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).
