Nos últimos anos a disciplina circense en Galicia creceu grazas a compañías como Pista Catro e a artistas como “Pajarito” que ven de acadar o XXV Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva.
Natalia Outeiro, “Pajarito”, recibe o galardón pola súa interpretación no espectáculo “‘Serie Clopen”, unha coprodución do Centro Dramático Galego e, precisamente, a compañía Pista Catro. O xurado destaca as súas habilidades actorais, nomeadamente no ámbito do novo circo

O xurado estivo formado polo alcalde de Padrón, Anxo Arca; Inma López Silva, escritora e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; o actor e profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernándes; Afonso Becerra Arrojo, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, membro do consello asesor do Centro Dramático Galego e membro do consello de redacción de revistas de teatro; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da Escola Superior de Arte Dramática, dramaturgo e xestor cultural; e a funcionaria do Concello de Padrón María Cruz Taboada, que actuou como secretaria.
O xurado destacou de “Pajarito” o seu traballo cómico para todos os públicos na Serie Clopen, o seu dominio dos tempos en escena e a elegancia do seu humor. Natalia Outeiro recibirá un premio en metálico de 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura coa imaxe da actriz Maruxa Villanueva nun acto de entrega que terá lugar nos vindeiros meses en Padrón.
Con este premio, o Concello de Padrón reafirma o seu apoio á escena teatral e ao talento interpretativo galego, sumando esta iniciativa ao seu compromiso coa cultura e as letras, que tamén se reflicte no Premio de Narrativa Camilo José Cela e no Certame Poético Rosalía de Castro.
