Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Axenda
  • Padrón
  • Xeral

Padrón inaugura a mostra “Rumorosas” para conmemorar o 8 de marzo

 O Concello de Padrón e o Centro de Información á Muller Terras de Iria (CIM) celebran o 8M coa inauguración da mostra “Rumorosas 2024”.
padron-8-m-slide-5-marzo-2024_r

Bisbarra, 6 de marzo do 2024 –  O Concello de Padrón e o Centro de Información á Muller Terras de Iria (CIM) celebran o 8M coa inauguración da mostra “Rumorosas 2024”.

Trátase dunha exposición ao aire libre na que Padrón mostra o seu recoñecemento a oito mulleres polo seu compromiso coa igualdade ao longo da súa traxectoria persoal en diferentes eidos profesionais.

A exposición é parte dun amplo programa de actividades, deseñado desde a concellaría da muller, para conmemorar o Día Internacional da Muller, 8M. A representación da obra de teatro ‘Invisibles’, obradoiros de empoderamento e un mercado de artesanía ‘Voces Delas’, completan a programación de este mes..

“ Rumorosas 2024” rende este ano homenaxe a María Calvo, Silvia Carnero, Lydia Angueira, Loli Quintáns, Sabela Ramos, Begoña Suárez, Ana Fernández e ao grupo de palistas formado por Ainara Rodríguez, Sabela Duro, María Villaverde, Uxía Álvarez e Candela Romero, todas veciñas de Padrón.

As homenaxeadas foron elixidas pola súa destacada actuación na defensa dos mesmos dereitos, os mesmos recursos, as mesmas oportunidades e a mesma protección entre mulleres e homes. A exposición de rúa inaugurarase o vindeiro venres, 8 de marzo, cun percorrido que partirá da praza da Igualdade ás 17.00 horas e percorrerá o casco histórico de Padrón dando a coñecer o labor das protagonistas.

Ás 18.00 representarase no auditorio municipal a obra de teatro Invisibles, protagonizada por Mela Casal, Neves Rodríguez e Sheyla Casal. O acceso é gratuíto ata completar aforo, pero é necesario retirar a entrada no centro social. O acto institucional do 8M celebrarase no auditorio municipal ao rematar a obra de teatro, sobre ás 19.30

Rumorosas 2024

As Rumorosas 2024 distinguidas polo Concello de Padrón este ano son:

María Calvo (Padrón, 1983. Llicenciada en Ciencias do Mar e CEO de Arenaria Coordinación, S.L.U., empresa fundada en 2009 con sede en Padrón dedicada á realización de actividades e proxectos educativos e divulgativos nos eidos científico, mariño e medio ambiental. Dende a súa experiencia persoal e profesional considera que o 8M “é o recordatorio de que a igualdade entre as persoas constrúese día a día”.

Silvia Carnero Ares (Santiago, 1983). Rexenta en Padrón o eco-salón de peiteado e de beleza Silvia’s Look. Debido a problemas de saúde derivados do uso de produtos químicos, especializouse en saúde capilar e dende 2016 traballa baixo parámetros do eco-salón, con tratamentos orgánicos de respecto polo medio natural. Comprometida coa igualdade de oportunidades, esta padronesa de adopción entende o 8M “como un día no que as mulleres celebramos os avances que se están acadando”.

Lydia Angueira (Dodro, 1954). Propietaria e cociñeira de Pulpería Rial, a casa de comidas inaugurada o 11 de febreiro de 1983 e convertida dende entón en todo un referente gastronómico e cultural da comarca. Dende a súa loita persoal contra o cancro, unha enfermidade arraigada na xenética familiar e que afecta a varias xeracións de mulleres, é exemplo de loita e positivismo. “O 8M é unha xornada especial pero é unha data que deberiamos ter en conta todo o ano poñendo en valor a todas e cada unha das mulleres cada un dos 365 días”, afirma Lydia.

Loli Quintáns  (Negreira, 1958). É unha das pioneiras no Traballo Social en Galicia. No ano 1979 obtivo o título de Asistente Social e dende entón traballa vencellada a prol do servizos sociais básicos e comunitarios sendo testemuña e parte clave na implantación e desenvolvemento de moitos programas. Loli é referente na comarca do Sar e unhas das pioneiras a nivel galego na consolidación dos Servizos Sociais. Foi Traballadora Social en Padrón entre 1984 e 2021, período durante o que se implantaron o SAF, os programas básicos de Educación Familiar e Voluntariado, as Aulas de Formación Permanente de Adultos ou o CIM.  A súa experiencia e vivencias lévanlle a sinalar o 8M como o día no que “conmemoramos as loitas e as conquistas sociais, laborais, políticas e culturais das mulleres, celebramos os logros acadados e reivindicamos a implementación de medidas para acadar a igualdade efectiva”.

Sabela Ramos (Padrón, 1986). Enxeñeira informática en Google DeepMind, en Amsterdam, actualmente traballa no desenvolvemento de ferramentas para Reinforcement Learning e a súa aplicación na IA xenerativa. Ten publicados máis de 30 artigos científicos e colabora en varios proxectos de software libre. Nos últimos 4 anos liderou a comunidade de Google Women in Engineering de Zurich e participa en distintas iniciativas para promover a igualdade. Comprometida de xeito activo para dar visibilidade ás mulleres nos diferentes eidos profesionais, entende que o 8M “é un día para reivindicar a igualdade e os dereitos das mulleres”. “E tamén para celebrar a sororidade e os logros das que viñeron antes e loitaron polos dereitos de todas”, engade.

Begoña Suárez (Santiago, 1972). Licenciada en Dereito, é dende o ano 2009 a directora-xerente da Asociación AMIPA, o único recurso de atención comarcal para as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, a Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual. Nesta entidade promove diferentes programadas de desenvolvemento sobre xénero e diversidade.

Begoña é consciente da problemática á que se enfrontan os colectivos máis vulnerables no seu día a día,  por iso subliña que “o 8M é un día no que reivindicamos que hai que coidar e respectar os ritmos de cada muller para que poidamos ocupar o noso lugar no mundo”.

Ana Fernández (Estramundi, 1984). Iniciouse no folclore na Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón, sendo agora a súa mestra e directora. Musicoterapeuta e educadora en Igualdade, promove a “folcterapia” nas asociacións de mulleres. Foi directora e actualmente é socia da Asociación Mulleres en Padrón e tamén forma parte da iniciativa de ‘Somos Pandereteiras’. Crítica coa situación da muller en moitos sectores profesionais, especialmente no eido artístico, Ana insiste en que o 8M “é unha data para lembrar e honrar ás que nos precederon na loita polos nosos dereitos e recordar que os cambios hai que pelexalos os 364 días restantes”.

Ainara Rodríguez – Sabela Duro – María Villaverde – Uxía Álvarez – Candela Romero, forman parte dunha das xeracións de deportistas máis brillantes. Todas elas destacan dentro do piragüismo, cunha emerxente traxectoria como palistas na que acumulan presencias nas mellores competicións a nivel nacional e internacional ademais de acadar diferentes títulos  e medallas. Como mulleres mozas e como deportistas saben da dificultade de abrirse camiño e de facerse valer nun eido que ata fai pouco estaba só pensado para os homes.  Aínda que cada unha amosa diferentes inquedanzas, coinciden en sinalar que o 8M “é un día no que as mulleres deberíamos estar unidas loitando polo nosos dereitos, porque ser muller é unha combinación de valentía, dignidade e resistencia inquebrantable”.

Obradoiros e mercado de artesanía Voces Delas

A ampla programación para celebrar o Día Internacional da Muller polo Concello de Padrón ocupará todo o mes. Mulleres visibles é un programa de actividades de sensibilización que levará a dinamizadora do CIM a todas as escolas unitarias e de educación infantil do municipio.

Onte martes comezou o primeiro dos obradoiros dirixidos á mulleres, Coidado emocional e empoderamento creativo, impartido por Reina D’Hore e que se vai desenvolverá os martes, 12, 19 de marzo e 2 de abril na aula do centro social de 18.15 a 20.15 horas. O obxectivo é fomentar o emmpoderamento e a xestión das emocións mediante o coaching persoal e de grupos con técnicas de creatividade como debuxo, escritura, barro ou movemento.

Os venres 15 e 22 de marzo e 12 e 19 de abril celebrarase o obradoiro Empoderamento dixital para mulleres, impartido por María Jesús Luces, na aula Cemit de 18.00 a 19.30 horas.

A asistencia a este dous obradoiros é gratuíta, pero require inscrición previa nas oficinas do CIM, no teléfono 611 003 472 ou no enderezo electrónico cim@padron.gal.

O 22 de marzo, ás 18.00 horas na Fundación Rosalía de Castro presentarase o libro A única, María Casares, de Anne Plantagenet. Todas as persoas asistentes poderán adquirir exemplares da obra e coñecer a figura da gran actriz galega. O acto será presentado pola concelleira de Muller e Igualdade, Mariló Saco, e pola actriz Berta Ojea, gañadora do Mestre Mateo 2023 por Rapa e editora da edición en galego do libro, que coñeceu persoalmente a María Casares.

A programación do 8M pecharase o sábado 23 de marzo coa celebración co mercado de artesanía Voces Delas, previsto para o pasado sábado, 2 de marzo, e que se adiou debido ao mal tempo. Postos de artesanía liderados por mulleres colocaranse no casco histórico de 11.00 a 19.00 horas, nun espazo no que haberá música en directo e diversas actividades durante todo o día.

Post navigation

Previous: Val do Dubra promove un Roteiro con motivo do Día da Muller, 8M
Next: Teatro, deportes e obradoiros para visibilizar o 8M en Ames

Máis novas

U dos novos autobuses do transporte urbvano de Santiago coa nova imaxe que terán
1 minute read
  • Xeral

Desbloqueado o novo transporte urbano de Compostela

NOGA, colectivo de narración oral galega, traballa baixo o lema “Somos o que contamos”
3 minutes read
  • Xeral

Xornadas sobre narración galega en Padrón

Compostela-semana-patrimonio-invisible_131352-slide_r
7 minutes read
  • Axenda

Descubrindo o patrimonio de Compostela

Casa Consistrorial de brion
3 minutes read
  • Brión

Denuncian os prexuízos dos cambios no Bono Concilia

estrada Santiago a Portodemouros
2 minutes read
  • Xeral

A Deputación licita a mellora da estrada de Santiago a Portomouro

Melide asina convenio coa asociacion Melisa
4 minutes read
  • Xeral

Melide e a asociación MeLiSA facilitan o acceso á tecnoloxía

Actos vandálicos na Casa da Mina de Santa Comba
3 minutes read
  • Santa Comba

Actos vandálicos na Casa da Mina de Santa Comba

O concello organiza un curso para incorporarse á cociña colaborativa do coworking
2 minutes read
  • Axenda

“Transformando en Brión” convoca un curso de formación

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2084) Ciencia (115) Comercio e empresa (663) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2792) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (772) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (836) Galego (145) Institucións (1432) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1618) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (817) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (730) Politica (942) saúde (529) Servizos (2685) sindicatos (109) Social (563) sucesos (131) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (696) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.