A Lei de Memoria Democrática abala a devolución da Medalla de Ouro, outorgada a Franco polo concello, e un rexeitamento ao réxime franquista. “É un acto de xustiza e reparación necesario”, subliña o alcalde Anxo Arca
Non hai debate posible pese ao que algúns pretender dicir, Franco foi un ditador e os recoñecementos recibidos dos concellos foron un acto de servilismo do que era mellor non fuxir.

O Pleno do Concello de Padrón incluirá esta proposta, de retirada a Franco das honras recibidas, na sesión ordinaria do 27 de marzo. Forma parte do compromiso coas obrigas establecidas na Lei 20/2022, de Memoria Democrática.
A decisión chega tras confirmarse que no ano 1945 o Concello de Padrón acordou conceder tres recoñecementos honoríficos a Francisco Franco, Coincidiu coa visita do ditador á vila para conmemorar a Exposición Agrícola do Día de Galicia.

Franco foi nomeado fillo adoptivo de Padrón, Alcalde honorario e receptor da Medalla de Ouro do Concello, tal e como recolle a acta da sesión celebrada o 7 de agosto. Conforme á Lei de Memoria Democrática, que obriga á revisión de recoñecementos e distincións a persoas vinculadas ao réxime franquista, o goberno municipal propoñerá a retirada inmediata destas distincións. A medida tamén inclúe a petición formal de devolución da Medalla de Ouro concedida aos seus herdeiros e herdeiras.
Entre as propostas que irán ao pleno deste mes de marzo inclúese así mesmo o rexeitamento do Concello de Padrón ao réxime franquista e a todas as prácticas antidemocráticas que asasinaron, someteron, humillaron e discriminaron a unha grande parte da sociedade española durante os anos que durou a ditadura.
Por outra banda o goberno municipal de Padrón anunciou que, como parte do seu compromiso coas vítimas da ditadura, iniciará a retirada gradual de símbolos franquistas que aínda permanecen en diferentes puntos do municipio.
Reparación ás vítimas
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, afirmou que estes pasos forman parte dunha acción máis ampla de xustiza e reparación para as vítimas do franquismo. “Cincuenta anos despois do falecemento do ditador, en pleno ano Castelao, Padrón retira toda honra a Franco. Uns recoñecementos que nunca mereceu e que pesaban sobre a memoria das súas vítimas. Sen dúbida é un acto de xustiza e reparación necesario”, declara o rexedor.
Esta decisión “reforza o compromiso do Concello coa democracia e co rexeitamento ás prácticas antidemocráticas que marcaron a historia recente de España. O goberno local reitera o seu apoio á defensa dos dereitos e liberdades establecidos pola Constitución de 1978 e ao maior período de paz e liberdade da nosa historia”.
Día da Memoria Democrática Padronesa
Padrón chega á celebración do segundo Día da Memoria Democrática Padronesa que se celebrará o vindeiro 14 de abril, dando outro paso importante na reparación e recoñecemento ás vítimas do franquismo. Isto reforza o compromiso do goberno local co rexeitamento ao réxime e en defensa da democracia instaurada dende a aprobación da Constitución de 1978 que deu comezo ao maior período de paz e expansión de dereitos e liberdades da nosa historia.