Bisbarra, 9 de abril do 2024 – O concello de Padrón rematou este pasado domingo as festas de Pascua coa xuntanza de Fillos e Amigos de Padrón.
O domingo de Pascuilla dou unha tregua a Padrón en canto o tempo, que pese a ser malo toda a semana non impediu a participación de numerosos veciños e visitantes nos distintos actos da programación da Pascua de Padrón.
A tradicional xuntanza da Irmandade dos Fillos e Amigos de Padrón e o Festival de Bandas Capital do Sar foron dous dos actos máis destacados, despois dos multitudinarios concertos do sábado protagonizados por Celtas Cortos e Olympus.
O bo tempo permitiu que, por primeira vez nestas festas de Pascua, o público puidese ver os xigantes nos tradicionais pasarrúas no que participan un grupo folclórico local e os cabezudos. A mediodía, a Irmandande dos Fillos e Amigos de Padrón volveu celebrar a súa xuntanza anual.
O alcalde, Anxo Arca, e integrantes do goberno presidiron os actos oficiais, no que a Irmandade entregou as insignias de ouro e placas de honra a Raquel Cortizo Almeida, Ángeles Gundín Díez, Manuel Bascoy Blanco, Eloy Rodríguez Carbia, Evaristo Lemos, aá Confraría Virxe das Dores e a Cristalería Padronesa.
Tras a foto de familia diante da igrexa parroquial, o goberno municipal, directivos da Irmandade, homenaxeados e asistentes aos actos participaron na tradicional ofrenda no paseo do Espolón e, nesta ocasión, tamén na praza de Pepe Domingo Castaño. Anxo Arca e o presidente do colectivo, Arturo Reboyras depositaron a coroa de Loureiro diante da estatua de Rosalía, facendo o mesmo a tenente de alcalde Chus Campos e Evaristo Lemos diante da de Camilo José Cela.
A terceira coroa de loureiro foi colocada pola concelleira Mariló Saco Vigo e Gonzalo Castaño, irmá do finado comunicador padronés Pepe Domingo Castaño. A Coral Polifónica Padronesa cantou o himno de Padrón e a banda municipal tocou o himno galego.
Despois da recepción na casa consistorial, unhas 150 persoas participaron no habitual xantar da Irmandade, celebrado no pazo da Retén, no que se entregaron as condecoracións deste ano.
A música tradicional tamén foi protagonista a mañá do domingo de Pascuilla, coa actuación das agrupacións folclóricas Arreixeira e O Pedrón na praza de Macías.