Bisbarra, 2 de decembro do 2024 – O concello de Padrón acometerá uha reforma integral da escola infantil grazas a unha subvención do 50% do Fondo de Cooperación Local dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Padrón farase cargo do resto importe para a reforma dun servizo que o alcalde, Anxo Arca, considera “un servizo esencial para a cidadanía”. Arca asegurou que esta subvención “evidencia tanto a capacidade deste goberno para captar fondos externos que alivien o gasto das arcas municipais como a calidade deste proxecto tan necesario para Padrón, despois de doce anos de falta de mantemento acumulado”.
O Concello de Padrón xa mobilizara os fondos necesarios para a rehabilitación integral da escola infantil municipal, un proxecto que representa un investimento de 792.917 euros. Agora, coa xestións realizadas para conseguir esta subvención que lle foi notificada ao concello o pasado 25 de novembro, as arcas municipais tan só deberán aportar 396.458,83 euros.
Anxo Arca lembra que “aumentar o mantemento e dispoñer de instalacións municipais modernas e de calidade é unha prioridade para o goberno padronés”.
O alcalde resaltou o traballo conxunto da concelleira de Educación e Ensino, Mariló Saco, e da xefa de gabinete da alcaldía, que se materializou “nesta importante achega” de 396.458,83 euros. A subvención concedida ao Concello procede do Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, xestionado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.