Bisbarra, 29 de novembro do 2023 – O concello de Padrón ven de presentar unha intensa programación de Nadal que irá do 15 ao 29 de decembro.
O festival de panxoliñas, obradoiros científicos, concertos, maxia e as indispensables visitas de Papa Noel conforman a programación de Nadal que ocupará prazas, pavillóns e o Auditorio Municipal de Padrón con actividades para toda a familia.
A inauguración o día q5 de decembro será coa obra de teatro “Palabras” de Baobab Teatro, as seis da tarde no Auditorio. Ao día seguinte, sábado 16, no mesmo espazo pero as sete da tarde terá lugar o concerto de Nadal da Banda Municipal de Padrón.
O martes 19 e o mércores 20 Papa Noel visitará os centros de primaria e infantil do concello. Tamén o mércores terá lugar un dos obradoiros máis especiais de esta programación que ensinará aos asistentes a facer postais de Nadal con circuítos electrónicos. A cita será na biblioteca desde as cinco da tarde as dez da noite e poden asistir os rapaces de entre 8 e 12 anos, que terán que inscribirse na mesma biblioteca.
O venres 22 dobre cita na praza de Macías. Ás seis da tarde terá lugar a recepción a Papa Noel que virá acompañado dos seus elfos. Unha hora despois, as sete, concerto de Broken Peach.
Ao día seguinte, o sábado 23, a partir das sete da tarde no Auditorio terá lugar o XXXV Festival de Panxoliñas Vila de Padrón no que participarán a Coral Abrente, de Pobra do Caramiñal; a Coral Abraira, de Asados en Rianxo; e a Coral Polifónica Padronesa.
O Martes 26, no pavillón do Souto a partir das seis da tarde, talleres de circo, de colgadores para a árbore, e postais de Nadal. Haberá tamén un posto de tatuaxes de Nadal.
A última semana do ano terá no Auditorio, o mércores 27 a partir das seis, ao mago Cayeatno Lledó co seu espectáculo, un show especial de Nadal. No mesmo sitio e a mesma hora pero ao día seguinte “O castiñeiro do Apalpador”, un espectáculo de monicreques de Fantoches Baj. Finalmente o Venres 29, tamén as seis e tamén no Auditorio, Pérez & Fernández presentan “nanai da China”, un espectáculo de teatro para toda a familia.
Un amplo programa para o mes de decembro en Padrón que continuará xa en xaneiro con máis actividades, será xa no 2024.