Bisbarra, 11 de xuño do 2024 – Baixo o lema Padrón con orgullo, a capital do Sar propón unha completa programación con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+, que se celebra cada 28 de xuño.
Este conxunto de actividades en Padrón, deseñado para celebrar e promover a diversidade e a igualdade, terá lugar ao longo de todo o mes e inclúe un obradoiro, un videofórum, actividades infantís, un concerto e unha exposición.
A programación comezou o pasado martes coa realización do obradoiro “Diversidade e avances lexislativos”. A seguinte cita será este venres, ás 20:00 horas no Auditorio de Padrón, coa proxección da película “20.000 especies de abellas”, unha obra galardoada con tres premios Goya e cun Oso de Plata na Berlinale. Este evento, aberto a toda a cidadanía, contará cun coloquio posterior moderado por ALAS A Coruña, favorecendo un espazo de reflexión e debate sobre as temáticas abordadas no filme.
O día grande das celebracións será o venres 28 de xuño. Ás 17:00 horas, no Campo do Souto, os máis pequenos poderán gozar de inchables de auga e dunha festa da espuma, unha actividade de balde que busca fomentar a diversión e a inclusión dende a infancia.
Xa pola noite, ás 22:00 horas, a Rúa Tetuán de Padrón converterase no escenario dun concerto da banda The Tetas’ Van. Antes do inicio da actuación, terá lugar a lectura do manifesto institucional, reafirmando o compromiso do Concello coa igualdade e cos dereitos LGTBIQ+.
Ao longo do mes de xuño, a Praza da Igualdade acollerá a exposición “Referentes LGTBIQ+ en Galicia”, que destacará figuras importantes do colectivo en Galicia, promovendo a visibilidade e o recoñecemento destas persoas.
Ademais, a partir do 17 de xuño, os locais de hostalería e comercio de Padrón poderán recoller, de balde, os manteis da campaña Padrón con orgullo no local do CIM Terras de Iria. Esta iniciativa busca visibilizar e apoiar a diversidade dende os propios establecementos locais.