Bisbarra, 18 de abril do 2024 – O Concello de Padrón apoia o I Premio de sombreiraría “Chapeu Contest” que organiza a Asociación Cultural Asnot.
O obxectivo do “Chapeu Contest” é por en valor a sombreiraría tradicional galega. Nesta primeira edición invítase a profesionais e principiantes a facer unha labor de investigación e presentar propostas para tres pezas moi distintivas do traxe tradicional galego: o pucho, a monteira e o sancosmeiro.
O premio Chapeu Contest 2024 enmárcase dentro das actividades que forman parte do festival Asnot, que se celebrará o 24 de xullo, coincidindo coa celebración do Santiaguiño. O concello de Padrón xa incluíu nos orzamentos deste ano unha achega de 10.000 euros para colaborar coa asociación.
Esta primeira edición do “Chapeu Contest” ten como obxectivo dar a coñecer e por en valor a sombreiraría tradicional galega, que, aínda que é moi recoñecible, tamén é unha gran descoñecida na súa variedade e historia.
Escolléronse tres pezas de cabeza moi distintivas do traxe tradicional: pucho, monteira e sancosmeiro. As participantes no concurso terán que investigar e reinterpretar estes sombreiros respectando as súas singularidades pero achegándose aos usos e materiais de hoxe en día.
A organización porá a disposición dos concursantes toda a información que precisen sobre as pezas a interpretar, tanto a través das redes sociais do Chapeu Contest como da web de Asnot. Pódense consultar as bases do concurso neste enlace e cubrir o formulario de inscrición aquí.
O premio é de carácter internacional e está enfocado a profesionais e afeccionados, cada un dentro da súa categoría. Os seleccionados mostraranse nos escaparates dos comercios do casco histórico padronés entre o 14 e o 25 de xullo, creando así unha exposición ao aire libre, accesible e a pé a través dun atractivo e dinamizador paseo que percorrerá as rúas de Padrón.