Bisbarra, 7 de novembro do 2022 – Pablo Reboleiro recibiu o Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva que outorga cada ano o concello de Padrón.
Reboleiro agradeceulle ao xurado que “pensase no circo e premiase todo o traballo dunha arte que se está a reinventar dende cero”. O matemático, pallaso e cofundador da compañía Pista Catro recibiu o galardón que o acredita como gañador dun premio que distingue os traballos nas artes escénicas galegas e que este ano acadou a súa vixésimo primeira edición.
Na súa intervención, ademais de agradecer a colaboración da súa familia e dos integrantes de Pista Catro e Circonove, Pablo Reboleiro resaltou a “xenerosidade” do xurado. “Grazas por mirar máis alá do propio carácter dos saltos espectaculares e facer que todos sexamos unha irmandade escénica, na que todos poidamos colaborar, aprender, hibridar… En definitiva, xogar, que é o que máis nos gusta”, afirmou.
O alcalde, Antonio Fernández Angueira, resaltou que nesta vixésimo primeira edición do premio Maruxa Villanueva valorouse, por un lado, a traxectoria innovadora, creadora e formativa de Pablo Reboleiro no circo galego e, por outra banda, a súa capacidade de hibridación e de mesturar tradicións como a dos malabares con outras disciplinas artísticas.