Alcalde e concelleiras Chus Campos (esquerda) e Ana Castro (dereita)
Bisbarra, 2 de xaneiro do 2024 – O voto de calidade do alcalde de Padrón, Anxo Arca, permite aprobar os orzamentos ao producirse un empate a 6 votos pola ausencia dunha concelleira do Partido Popular.

A voceira do BNG, Beatriz Rei, ofreceu diálogo e cualificou a situación de “Cambalache”. Engadiu que o seu voto en contra foi por “responsabilidade” e que os orzamentos son “un corta pega dos do Partido Popular”.
Pola súa banda o rexedor socialista Anxo Arca explicou que “a diferenza do anterior goberno municipal, priorizamos a aprobación para non perder ningunha liña de financiamento externa de cara a 2024”. O orzamento ascende nesta ocasión a 10.076.000€, superando sensiblemente o orzamento anterior.

Os orzamentos
Como datos destacados de estes orzamentos están as subvencións nominativas nas que se inclúen novas entidades sociais e culturais que ata agora non o estaban, como a Asociación Feminista Mulleres en Padrón, Andaina Pro Saúde Mental, IAE (Intervención, Axuda e Emerxencias) ou Asnot, que terá unha achega de 10.000 €.
O Goberno Municipal cumpre outro dos seus compromisos ao equiparar a subvención da Fundación Rosalía de Castro ca da Fundación Camilo José Cela, cun incremento de fondos para ámbalas dúas, acadando unha achega municipal de 20.000 euros en cada caso. Elevase tamén a partida dedicada a subvencións por concorrencia competitiva para outras entidades culturais e deportivas.
O alcalde Anxo Arca subliña que “o capitulo de persoal tamén se incrementa para o ano 2024 debido a que recolle as subas salariais que non estaban contempladas no anterior orzamento de 2022. Os novos orzamentos responden á realidade do municipio e son previsores, por exemplo, coa suba establecida polo Goberno central no tocante as cotizacións do persoal e a suba do 2% salarial de todos os empregados públicos coa posibilidade doutro incremento do 0,5% no 2024, entre outras”.
Arca, definiu os orzamentos como “transitorios e axeitados para que Padrón continúe na senda de progreso que se iniciou o pasado mes de maio. Cobren as necesidade do municipio, dan flexibilidade para actuar con dilixencia e rapidez nas actuacións previstas e abren a porta a obter todo o financiamento externo posible”.
O alcalde tamén fixo alusión á necesidade de aprobar estes orzamentos en tan só 5 meses e comprometeuse a mellorar as vías de negociación cos demais grupos políticos de cara aos orzamentos de 2025.
