Bisbarra, 4 de setembro do 2024 – Este martes tivo lugar un pleno extraordinario no concello de Padrón convocado pola oposición, PP e BNG, o único punto da orde do día foi a toma de posesión de tres concelleiros do Partido Popular.
Para entender o sucedido hai que remontarse a finais de xuño pasado cando o ex alcalde Antonio Fernández e os concelleiros José Ramón Pardo e Lorena Couso renunciaron as súas actas tras perder o goberno de Padrón.
Desde aquel momento o Partido Popular só tivo 3 concelleiros o que deixaba ao Psoe de Anxo Arca cunha virtual maioría absoluta. Un mes despois, a finais de xullo, o PP solicítalle ao alcalde que convoque un pleno extraordinario para que poidan tomar posesión da acta Francisco García, Jessica Dios e Ángel Conde. A intención era comezar o curso político en setembro coa corporación completa.
Segundo a versión do Partido Popular o alcalde negouse polo que decidiron falar coa concelleira do BNG, Beatriz Rei, coa intención de que asinara unha convocatoria de pleno para que é preciso contar polo menos con 4 concelleiros. A edil nacionalista accedeu entendendo, segundo as súas declaracións, que se trataba dunha cuestión de “cultura democrática”.
Sen acordos entre BNG e PP
Desde o goberno municipal de Padrón o alcalde, Anxo Arca, insta ao BNG a “aclarar se vai continuar apoiando ao goberno de progreso de Padrón ou se vai facilitar o retorno de quen mantivo ao noso pobo nun estado lamentable de atraso e abandono”.
Tanto desde o PP como do BNG negan ningún tipo de acordo e explican que se tratou dunha decisión que permitiu que volvera a normalidade democrática á corporación. O certo é que a situación volve ao inicio do mandato cun Psoe necesitado do BNG para sacar adiante os temas que van a pleno. Ao mesmo tempo os nacionalistas lembran que os temas asinados no acordo que posibilitou a chegada a alcaldía do Psoe seguen na súa maior parte sen cumprirse. Unha situación que pon no foco o pleno ordinario de setembro e as cuestións que alí se traten.