Bisbarra, 27 de xaneiro do 2023 – A actriz compostelá Patricia Vázquez ven de gañar o XXII Premio Maruxa Villanueva de interpretación teatral que entrega o concello de Padrón.
O xurado recoñece a traxectoria de Patricia Vázquez e, en particular, o seu papel na obra “O porco de pé” da compañía Excéntricas Producións. Trátase dunha adaptación do texto de Vicente Risco dirixida por Quico Cadaval, que percorreu os escenarios o pasado 2022.
Nacida en Santiago, Patricia Vázquez traballou no teatro desde os anos 90 con compañías como Teatro da Lúa, Ollomol Tranvía, Escola Dramática Galega, Contraproduccións, Redrum e Excéntricas Producións, e co Centro Dramático Galego.
Polo gran público é moi coñecida grazas á súa participación en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas, Padre Casares ou Era visto! e programas de televisión como Luar ou Land Rober Tunai Show. Ademais, durante algúns anos formou o dúo de stand up comedy Chapa e Pintura xunto con Carlos Blanco.
O xurado estivo formado pola concelleira Lorena Couso como presidenta; a escritora e profesora de arte dramática Inma López Silva; o profesor da Universidade da Coruña Carlos Caetano Biscainho Fernandes; o dramaturgo e profesor Afonso Becerra Arrojo; o director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; e a animadora social do Concello de Padrón, Mª Cruz Taboada, que actuou como secretaria.
O premio foi outorgado por unanimidade xa que, segundo a presidenta, “É de xustiza recoñecer o traballo dunha das actrices cunha traxectoria máis destacada no teatro e no audiovisual galegos”. O xurado valorou tamén o “dominio actoral da comedia a través do manexo do ritmo e dos tempos, así como da oralidade da lingua”. Tamén destacou no fallo a “traxectoria como actriz” de Vázquez e a súa “capacidade diversa de rexistros, sempre cun sólido compromiso coa escena galega”.
Patricia Vázquez acudirá a Padrón para representar a obra O porco de pé, coa que se abrirá a programación do Outono cultural de 2023.
O nome de Patricia Vázquez súmase deste xeito a un elenco de premiados entre os que figura o máis destacado do teatro galego deste século, de Roberto Vidal Bolaño na primeira edición de 2001 a Pablo Reboleiro en 2021, pasando por Manuel Lourenzo, Susana Dans, Xosé Manuel Olveira Pico, Vítor Mosqueira ou Patricia de Lorenzo. “É un orgullo para Padrón poder entregar estes galardóns, nos que xuntamos ao máis destacado da escena”, apuntou a concelleira de Cultura, Lorena Couso; “a nosa é unha vila que non se entende sen a literatura, e é moi importante darlle pulo á dramática con iniciativas como a do premio Maruxa Villanueva, que se aproxima ao cuarto de século de vida cunha vixencia espléndida”.