Bisbarra, 1 de abril do 2024 – Padrón comeza hoxe luns a semana grande da Pascua co día de Santiago e Padrón que inclúe a visita da corporación compostelá.
Unha Pascua que inaugurouse oficialmente o pasado sábado co pregón a cargo de Abel Caballero, alcalde de Vigo. Unha cita á que non acudiu o BNG por disconformidade co pregoeiro elixido. Abel caballero dixo que se trataban de “unhas festas chea de identidade popular e moi queridas por tanta xente en toda Galicia” que dixo chegar disposto a “tender pontes, de cristal ou de pedra como os romanos”. Caballero engadiu que “Rosalía de Castro uniu Vigo e Padrón escribindo a súa poesía en Padrón e editando Cantares Gallegos en Vigo” nun pregón que xuntou a centos de persoas na praza de Macías.
A fin de semana en Padrón viviu tamén a Feira Cabalar de Pascua que reuniu exemplares de toda Galicia, con presentadores de 5 e 6 anos nas probas oficiais dos concursos morfolóxicos. O presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego destacou a aposta da xente pola Pascua e a alta participación. Constantino Latas levouse o premio ao mellor exemplar dos concursos morfolóxico con HDM Mariachi, un exemplar de pura raza árabe
Programación
Hoxe luns amenizarán as verbenas de Padrón o Dúo Master, París de Noia e América, e mañá martes 2 será a quenda da orquestra Los Satélites. A boa música volverá a fin de semana de Pascuilla, coas actuacións de Los Player’s e New York (venres 5) e os concertos de Celtas Cortos e a orquestra Olympus o sábado 6 (coa sesión de fogos artificiais a medianoite entre ambos os dous). As orquestras Atenas e Marbella pecharán as festas o domingo día 7.
Os amantes da música disco poderán gozar cos espectáculos dos picadiscos programados por Openair os días 5 e 6 de abril. Como xa é tradicional, os grupos folclóricos teñen un papel importante da Pascua. Este ano actuarán San Pedro de Carcacía, Rosalía de Castro, A Foliada do Montiño, Arreixeira e O Pedrón, ao igual que os xigantes e cabezudos, a Banda Municipal de Música de Padrón e as de Santiago e Rianxo nos días da Pascua dedicados a Santiago e Rianxo. O Festival de Bandas Capital do Sar contará coa participación da banda local e coas de Touro e Caldas o 7 de abril.