O concello subira a taxa dos feirantes para compensar o gasto en limpeza que xera o mercado cada domingo.

O mercado dominical de Padrón hai anos que esta sempre en medio dalgún debate. Cando non é a súa supervivencia, fálase dos seus problemas que son moitos e variados. En esta ocasión tócalle ao lixo que xera e o estado no que queda o Espolón.
O goberno municipal quere que o custo da limpeza repercuta na taxa que se lles cobra aos feirantes. En palabras do alcalde, Anxo Arca, “Padrón non pode seguir tolerando o abandono de lixo na vía pública por parte de moitos vendedores do mercado dominical. Cada domingo, rematado o mercado, a imaxe do noso pobo é absolutamente lamentable, algo que non estamos dispostos a tolerar”.
Para avanzar na mellora da limpeza da vila o Goberno levará ao Pleno ordinario do vindeiro xoves o aumento da taxa por ocupación da vía pública que pagan os propietarios dos postos do mercado dominical para incrementala dos 0,68 euros metro cadrado día ata os 0,81 euros.
Segundo o alcalde, “o custe da limpeza derivada da falta de civismo de moitos feirantes non pode recaer nas padronesas e nos padroneses. Con esta medida serán os feirantes quen financien o incremento do custo que supón a recollida deste exceso de lixo”, asegura.
As medidas que prevé implementar o goberno padronés van máis alá da subida da taxa. “Tamén aumentaremos a vixilancia no mercado e traballamos no endurecemento das sancións por depositar lixo na vía pública. Todo o mundo debe mentalizarse de que Padrón debe quedar limpo”, aclara o alcalde.
Pedronía
Ademais do incremento da taxa do mercado, o goberno tamén levará ao Pleno o establecemento dunha nova taxa pola expedición da Pedronía, o documento que acredita ter visitado certos lugares e monumentos de Padrón, moi popular entre os peregrinos e peregrinas, así como polo tubo para gardala.
Anxo Arca avanza que se proporá ao Pleno cobrar 2 euros pola Pedronía e 3 euros polo tubo. Deste xeito “os visitantes e as visitantes comezarán a contribuír ao Concello, que destinará os recursos obtidos con esta taxa ao mantemento de infraestruturas públicas e ao financiamento das actividades de fomento do turismo”.
O alcalde destaca que estas taxas “non afectan ás padronesas e aos padroneses”, e “axudarán a que Padrón dispoña de máis recursos públicos para seguir avanzando”.