O Concello de Padrón saca a contratación sete proxectos nos últimos 20 días. Destacan as reformas na escola infantil e no campo de fútbol.

Padrón comeza a contratación de sete proxectos de obras que mudarán algunhas das instalacións máis necesitadas de arranxos, e máis utilizadas, ademais de outras de igual de importantes para a vila.
O concello sacou a licitación estes proxectos nos últimos vinte días e supoñen un investimento conxunto de 1.594.541,45 euros. Para o alcalde, Anxo Arca, “Este volume de licitación marca o inicio dunha nova etapa na que executaremos unha gran batería de obras para mellorar vías e espazos públicos do noso municipio que adoecen dun flagrante déficit de mantemento”.
Entre os proxectos licitados, os dous de maior importe son a reforma integral da escola infantil municipal, que o Concello tivo que trasladar temporalmente pola súa insalubridade e que conta cun orzamento de 892.656,46 euros. A reforma do campo de fútbol de Estramundi, para renovar o céspede artificial, dotalo de drenaxes, rego e outras melloras, conta cun investimento de 358.993,97 euros.
Ademais destas dúas destacadas infraestruturas, o Concello saca tamén a licitación a reforma de dous parques infantís: o da rúa Vila de Rianxo (65.287,79 €) e o de A Devesa, en Estramundi, (52.000 €).
Nos últimos días tamén comezou o proceso de contratación da mellora de diversos camiños municipais: en Sinde e Pedroso (71.324,80 €), Pedreda (73.808,88 €), Pazos e Vilar (80.469,65 €).
Estas actuacións están financiadas a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña, correspondente a distintas anualidades.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, salientou que este volume de licitacións marca o inicio dunha nova etapa centrada na execución de proxectos de maior envergadura. “Unha vez concluídos os procesos de estabilización do persoal municipal, establecida xa a senda de traballo en canto á tramitación de licenzas de obras particulares e realizado o mantemento de diversas infraestruturas públicas existentes, iniciamos unha nova fase centrada na licitación de obras que permitan mellorar significativamente o estado do noso viario e doutros espazos públicos que levan anos abandonados como consecuencia do desleixo e da incapacidade dos derradeiros gobernos do Partido Popular”.
Segundo o rexedor, este ritmo de licitación evidencia a capacidade organizativa do Goberno local, que aspira a manter esta dinámica nos vindeiros meses. “Durante os dous primeiros anos de mandato, sementamos. Agora toca recoller os froitos dese traballo. Van ser moitas as obras que se materialicen a partires de agora para que todos os territorios do municipio noten melloras máis ca necesarias”, afirma Anxo Arca.
