Padrón, 26 de maio do 2017 – O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, anunciou que o goberno local está a traballar na preparación da documentación necesaria para solicitar, ao abeiro do decreto 4/2015 de 8 de xaneiro, que a Pascua de Padrón sexa declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.
Para o rexedor local, a consecución de dita declaración é “unha oportunidade para potenciar aínda máis a Pascua, xa que permitiría optar a maiores achegas autonómicas e pasaría a formar parte das campañas conxuntas que emprende a Xunta de Galicia para este tipo de festas”. Ao respecto, salientou que “a divulgación de Padrón como destino turístico e como berce do Xacobeo é un dos obxectivos prioritarios do goberno no que resta de mandato para contribuír á dinamización da actividade económica local, principalmente da hostalaría, a restauración e o comercio”.
Fernández Angueira lembrou que xa no ano 2009 o equipo de goberno daquel entón tentara conseguir a citada declaración nunha solicitude conxunta coa Romaría de Santiaguiño do Monte e a Semana Santa padronesa, pero a súa petición non recibira un informe favorable da Administración autonómica por non acreditarse suficientemente a singularidade da festa.
“A nosa intención non é menosprezar o traballo que se fixo entón, senón tentar utilizar o que sexa aproveitable daquel expediente e completalo para darlle documentalmente á Pascua a dimensión social e festiva que xa ten”, explicou o alcalde. Neste senso, precisou que o traballo de elaboración do novo expediente, que está a coordinar a concelleira Lorena Couso, centrarase exclusivamente na Pascua e anticipou que tentará acreditar os principais requisitos que debe cumprir a festa para conseguir o recoñecemento da antigüidade, singularidade, arraigo, promoción, valor cultural e continuidade no tempo.
“Sempre a expensas dunha valoración técnica, cremos que a Pascua de Padrón, que en moitos lugares mesmo se identifica e recoñece como a Pascua de Galicia, cumpre todos os criterios técnicos, polo que tentaremos que nesta ocasión a documentación que remitamos á Axencia de Turismo de Galicia sexa irrefutable”, destacou.