Padrón, 28 de maio do 2017 – O Concello de Padrón acaba de poñer en marcha un proxecto de integración laboral e social de persoas en risco de exclusión coa incorporación de catro beneficiarios da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) ao desenvolvemento de tarefas de interese sociocomunitario.
Estes veciños de Padrón veñen de asinar un compromiso polo cal realizarán traballos a prol da comunidade no marco do proxecto de integración social vencellado ao cobro da mencionada prestación. Deste xeito, favorécese que estas persoas se reintegren na sociedade desenvolvendo accións concretas que mellorarán as súas condicións persoais, afectivas e laborais. “Asumen un compromiso con actuacións solidarias e voluntarias que se plasmarán a través de actividades de interese colectivo”, explicou Ángel Rodríguez, concelleiro de Servizos Sociais.
En concreto, estas persoas van traballar un día cada semana na realización de tarefas nos servizos de medio ambiente e de limpeza de espazos públicos, co cal os beneficios desta iniciativa son diversos, xa que favorece a súa inclusión e, ao mesmo tempo, obtense unha mellora das infraestruturas e servizos públicos, o cal redundará en toda a cidadanía.
O proxecto do concello de Padrón acaba de dar o seu primeiro paso, e dende o goberno municipal analizarase a ampliación do mesmo incorporando outros veciños en situacións similares.
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, valorou moi positivamente esta medida xa que “impulsa a integración de todos os veciños, especialmente daqueles máis desfavorecidos, e contribúe a crear unha sociedade máis igualitaria e con maior benestar”. Neste senso, lembrou que os Servizos Sociais e a atención a maiores, dependentes e persoas en risco de exclusión “son unha prioridade para este goberno, que non vai permitir que ninguén quede atrás e que por iso fai o esforzo de investir cada ano preto de 700.000 euros nesta área”.