PP e BNG teñen un mes de prazo para presentar unha moción de censura. Se non o promoven os orzamentos municipais quedarán aprobados automaticamente.

Ao igual que sucedera en Dodro, o goberno de Padrón non foi capaz de aprobar a moción de confianza vinculada aos orzamentos municipais. A diferencia é que na capital do Sar os socialistas só precisaban dun voto a favor da concelleira do BNG que tampouco conseguiron.
O Pleno rexeitou a cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos cos 7 votos en contra de PP (6) e BNG (1), e os 6 a favor do goberno socialista. A partir de agora, PP e BNG teñen un prazo de trinta días para presentar unha moción de censura.
A voceira do BNG, Beatriz Rey, xa adiantou que non vai apoiar un cambio na alcaldía, polo que todo apunta a que os orzamentos quedarán aprobados de forma automática dentro dun mes. Rey explica que “No BNG sempre estivemos dispostas a dialogar, a achegar propostas e a buscar acordos. Pero non imos aceptar chantaxes políticas nin orzamentos feitos de costas á oposición e á veciñanza”.
O alcalde, Anxo Arca, recordou ao inicio da sesión os argumentos que xa expresou no pleno do 29 de maio, cando as contas foron rexeitadas por primeira vez. Estes orzamentos de 11,1 millóns de euros son os máis altos da historia en Padrón, “increméntanse en un millón de euros en relación aos de 2024, e son necesarios para que Padrón continúe pola evidente senda de progreso iniciada hai dous anos con este goberno”, asegurou.
Arca lembrou que ningún dos grupos da oposición “presentou nin emendas nin propostas construtivas para modificar estes orzamentos”, lembrando que o documento lle foi remitido ao BNG o pasado mes de novembro. O BNG dicía, nunha nota de prensa posterior ao pleno, que “Son uns orzamentos sen alma nin dirección, que confirman que o PSOE anda sen rumbo e sen planificación”.
O concelleiro do PP, Ángel Rodríguez, dixo que o goberno padronés “non ten a confianza do PP e que os orzamentos presentados non solucionan os problemas da cidadanía”. Ao que o alcalde respondeu recordándolle que “os problemas e as necesidades de Padrón son consecuencia da mala xestión dos gobernos do Partido Popular, que durante décadas foi incapaz de conseguir que Padrón fose a mellor”.
Á hora da votación, a secretaria chamou por orde alfabético a cada un dos concelleiros e concelleiras, que manifestaron o seu apoio ou rexeitamento á cuestión de confianza presentada polo goberno local. O resultado foi de seis votos a favor (os do PSdeG) e sete votos en contra (6 do PP e 1 do BNG), polo que a cuestión de confianza e os orzamentos foron rexeitados.
Iníciase así o prazo dun mes no que a oposición pode presentar moción de censura para nomear un novo alcalde. De non presentarse, os orzamentos de 2025 do Concello de Padrón tal como foron presentados polo goberno que lidera Anxo Arca quedarán aprobados de forma automática.