Bisbarra, 4 de decembro do 2024 – Padrón anuncia que Amalia Blanco Pose, veciña de Santa Comba, resultou gañadora da trixésimo cuarta edición do Premio Literario Camilo José Cela coa obra “No neghro da ialma”.
O Premio Literario Camilo José Cela de narrativa, creado en 1989, recibiu este ano 123 relatos, unha cifra que supera os 119 da edición anterior e que consolida o concurso como un dos máis prestixiosos no ámbito das letras españolas.
O premio, dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa, reafirma o compromiso do Concello coa promoción cultural e serve de homenaxe á figura humana e literaria de Camilo José Cela, Premio Nobel de Literatura.
O xurado, presidido polo alcalde de Padrón e responsable da área de Cultura, Anxo Arca, estivo composto por expertos de diversos ámbitos literarios e educativos: Carlos Arias Iglesias, funcionario da Xunta de Galicia e gañador da segunda edición do premio; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía Inglesa; Inés Mosquera Calvo, mestra e investigadora no Centro Ramón Piñeiro; Esteban Folgar Brea, profesor de lingua e literatura; Lourdes Regueiro Fernández, licenciada en Filoloxía Hispánica e coordinadora de actividades culturais da Fundación Pública Camilo José Cela; e M.ª Cruz Taboada Álvarez, funcionaria do Concello de Padrón.
O xurado destacou a obra gañadora pola “peculiaridade do seu estilo, que emprega unha ortografía propia, e pola súa visión marxinal da sociedade”. Segundo os seus membros, “o relato aborda temas cargados de humanidade sen pretender axustarse á corrección política nin buscar agradar, senón simplemente narrar unha verdade con delicadeza e axilidade”.