Padrón, 27/05/2026 – O Concello de Padrón será a primeira entidade pública colaboradora da formación profesional dual co ciclo medio de Xardinaría e Floraría do IES Plurilingüe de Valga, permitindo que dous alumnos realicen a súa formación práctica nas instalacións e espazos verdes municipais.
Grazas a este acordo, os estudantes poderán combinar a aprendizaxe académica coa experiencia laboral real no propio Concello mediante un contrato formativo remunerado dentro do modelo de educación dual. O convenio terá unha duración de dous anos e desenvolverase en colaboración coa FEUGA, entidade encargada de colaborar na xestión deste modelo formativo.
Neste curso, o alumnado realizará catro meses de prácticas, permitindo unha formación progresiva e adaptada ás necesidades reais do traballo diario. A través deste acordo co IES Plurilingüe de Valga, o Concello aportará parte do salario correspondente aos contratos formativos dos dous alumnos, reforzando así o compromiso municipal coa creación de oportunidades laborais e coa formación práctica da mocidade.
Actualmente, o alumnado desenvolve a súa aprendizaxe práctica no Xardín Artístico Botánico de Padrón e no centro urbano da vila, participando en tarefas de mantemento e conservación baixo supervisión constante e nun proceso continuo de aprendizaxe.
Este traballo permite ampliar os seus coñecementos sobre identificación de plantas e poñer en práctica tarefas como replantacións, tratamentos fitosanitarios, poda, abonar ou cambios de especies segundo a tempada.
Dentro destas actuacións, os alumnos participaron xa na replantación de máis de 6.000 plantas no invernadoiro municipal, un espazo que desde o Concello definen tamén como “unha aula aberta dentro dun espazo vivo”, onde o alumnado pode aprender directamente sobre o terreo e en contacto diario coas distintas especies vexetais.
Desde o goberno local tamén poñen o foco na importancia da inclusión dentro da formación dual. Destacan que o alumnado participante pode abranguer diferentes idades, desde mozos e mozas de 17 anos ata persoas adultas que buscan unha nova oportunidade laboral ou continuar formándose. Deste xeito, a formación dual convértese tanto nunha porta de entrada ao primeiro emprego como nunha ferramenta de reciclaxe profesional e aprendizaxe continua.
En moitos casos, os centros educativos atopan dificultades para atopar empresas ou entidades que aposten por acoller alumnado dual con diferentes realidades educativas ou necesidades específicas. Neste sentido, o Concello de Padrón reivindica a necesidade de abrir oportunidades a todo o alumnado independentemente das súas circunstancias, apostando por un modelo máis integrador e máis próximo á realidade social actual.
“Non podemos falar de futuro sen falar de integración.
A sociedade está composta por moitas realidades distintas e as administracións públicas tamén teñen que ser exemplo na creación de oportunidades”, sinalan desde o executivo local. esde o Concello destacan a intención de continuar impulsando no futuro novas colaboracións coa ensinanza profesionalizante, abrindo vías de cooperación con outros centros educativos e programas de formación dual que permitan seguir xerando oportunidades para a mocidade e mellorando os servizos municipais. Unha aposta de futuro onde, ademais de plantar flores e coidar xardíns, tamén se cultivan oportunidades.
