Bisbarra, 28 de xullo do 2023 – O concello de Padrón celebrará a Festa do Pemento de Herbón o vindeiro día 5 de agosto incluíndo o reparto de 3000 racións do produto.
A parroquia de Herbón acollerá un ano máis a celebración do pemento, o produto máis famoso da conca so Sar. O convento sito no lugar plantou as primeiras plantas de pemento de Galicia comezando así unha historia de séculos.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2023/07/padron-festa-do-pemento-normal-28-xullo-2023_r.jpg)
A festa chega agora á edición corenta e tres, desde hai tempo coa declaración de Festa de Interese turístico de Galicia. A Carballeira acollerá os primeiros actos da mañá co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT. A partir das 10.30 oficiarase a misa campestre seguida da bendición e da inauguración da Festa do Pemento.
A partir das 11.30 será a quenda dun dos actos máis agardados, a procesión agrícola motorizada na que os tractores engalanados irán ata a vila de Padrón. Xa no concello, entregaranlle un cesto de pementos ao alcalde, Anxo Arca, para posteriormente facer unha ofrenda de flores á estatua da pementeira.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/08/Festa-do-pemento-Herbon-DSC_7686_r.jpg)
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/08/Festa-do-pemento-Herbon-DSC_7689_r.jpg)
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2017/08/Festa-do-pemento-Herbon-DSC_7718_r.jpg)
De volta xa a Herbón, Xulio Mato, chef e condutor do programa de cociña da TVG ‘A Voltas co Prato’, exercerá de pregoeiro este ano. A súa intervención dará paso á entrega de premios dos participantes na procesión agrícola, último acto da mañá antes de comezar coa degustación deste produto que conta con Denominación de Orixe Protexida.
Os organizadores prevén repartir entre 1.000 e 1.500 quilos de pementos entre todas as persoas que asistan, ao redor dunhas 3.000 racións que serán degustadas antes de continuar a festa coa música da verbena.