Bisbarra, 22 de xaneiro do 2024 – A Casa dos Capeláns, en Iria Flavia, acolle desde a exposición “150 aniversario do primeiro ferrocarril galego” que lembra a chegada do tren a Galicia o 15 de setembro de 1873.
En esa data realizouse o primeiro traxecto da liña que unía Cornes, en Santiago, con Carril, en Vilagarcía. A mostra estivo antes na Casa das Asociacións de Santiago, lugar do que partiu aquel primeiro tres a finais do XIX.
No acto de inauguración da exposición estiveron presentes o alcalde de Padrón, Anxo Arca, xunto a varios membros da corporación municipal, e o comisario da mostra Carlos Abellán, presidente da Asociación Compostelá de Amigos del Ferrocarril.
A exposición lembra esa primeira liña, que uniu a capital galega co mar, e tamén fai un percorrido polo desenvolvemento do ferrocarril en Galicia con paneis informativos, fotografías e obxectos históricos vencellados ao mundo ferroviario.
Con entrada gratuíta, estará aberta de luns a sábado na Casa dos Capeláns ata o 29 de febreiro. Entre semana, o horario será de 10.00 a 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00h. polas tardes. Os sábados abrirá só pola tarde de 17.00 a 20.00 horas.
A visita supón, ademais, unha oportunidade excelente para achegarse tamén a coñecer a locomotora que tirou dese primeiro tren galego. Bautizada popularmente como Sarita e recentemente rehabilitada, pode verse de novo dende hai uns meses nos exteriores da Fundación Pública Camilo José Cela.