Bisbarra, 30 de agosto do 2023 – O concello de Padrón destinará case un millón de euros á rehabilitación da escola infantil municipal que se atopa nun estado moi deficiente.
Segundo os informes dos técnicos, a escola infantil municipal atópase nun estado de insalubridade, con humidades e goteiras nas aulas. Unha situación que se mantivo ao longo dos últimos anos pese as queixas dos pais.
Desde o goberno municipal destacan que unha das prioridades de este mandato é a a posta a punto de todos os inmobles educativos antes do inicio do vindeiro curso académico. Na primeira rolda de preparación que se fixo a concelleira de Educación, Mariló Saco, constatou o mal estado no que se atopa a escola infantil.
Saco pediu un informe aos técnicos de urbanismo para avaliar a situación da estrutura municipal. Un informe que revelou múltiples deficiencias de illamento e mantemento histórico que producían non só humidades con mofo dentro do edificio, senón choivas dentro dos espazos das aulas. Este primeiro informe técnico calcula que o custe da obra debido ao avanzado deterioro ascenderá a case un millón de euros.
O actual equipo de goberno trasladoulle á Consellería de Política Social a situación de insalubridade ignorada polo anterior goberno municipal da escola infantil de Padrón. E dende o departamento autonómico responsable das escolas infantís “apoian a decisión do novo goberno de facer unha rehabilitación do centro para que cumpra a normativa actual e medidas de salubridade” sinala Mariló Saco.
O novo centro non estará en uso ata o curso 2024-2025 e será asumido con fondos propios do concello. “Ademais, faremos unha ampliación duns 90 metros no patio para mellora dos servizos” asegurou a concelleira de Educación.
Por mor desta obra que durará meses e coas datas tan próximas ao inicio escolar, o servizo de escola infantil será trasladado provisionalmente. “buscamos o espazo más axeitado, que resultou ser a unitaria de Pousada, en Carcacía. Esta estivo en uso ata este ano e cumpre coas dimensións necesarias, ademais de ter espazos ao aire libre que non atopabamos no casco urbano preto da localización da actual da escola.
O Concello habilitará autobuses, así como a apertura do prazo do comedor para ter unha maior flexibilidade pensando na conciliación das familias”.As familias están xa informadas da problemática trasladada nunha reunión celebrada recentemente.
Segundo o alcalde, Anxo Arca, “non é a situación máis cómoda para as familias, pero a situación non se pode pospoñer como se viña facendo estes últimos anos. Estamos falando dun espazo onde teñen que estar as persoas máis cativas do noso concello, polo tanto, ten que primar a seguridade e salubridade. A nova escola infantil municipal será un centro de referencia na comarca”.