Bisbarra, 11 de abril do 2024 – Padrón abre o prazo de inscrición nun curso gratuíto de interpretación do patrimonio que ten como finalidade a creación e comercialización de novos produtos turísticos.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2024/04/padron-interpretacion-patrimonio-normal-11-abril-2024_r.jpg)
O curso de Padrón combina a asistencia presencial co seguimento por internet. Consta dun total de 35 horas e comezará o martes 23 de abril. O prazo para anotarse remata o venres 19.
“Interpretación do patrimonio cultural e natural do Concello de Padrón” está orientado a profesionais vencellados ao turismo, como xestores do patrimonio, guías, educadores turísticos e ambientais ou propietarios de establecementos, pero tamén a calquera persoa que estea interesada en coñecer máis polo miúdo o patrimonio padronés.
Composta por cinco módulos, a formación tratará sobre todos os atractivos de Padrón dende diferentes ópticas e ofrecerá, a maiores, as bases para crear un produto turístico. O primeiro módulo, que se desenvolverá entre o 23 e o 25 de abril, centrarase nos aspectos culturais, literarios e gastronómicos de Padrón.
O segundo abordará, entre o 7 e o 10 de maio, recursos naturais como o Xardín botánico ou o río Ulla. O terceiro centrarase no Camiño de Santiago entre o 15 e o 17 de maio. E o cuarto e o quinto ocuparanse, respectivamente, da creación de produtos turísticos e da aplicación de tecnoloxías en turismo.
As sesións, que contarán con diversos ponentes expertos en turismo, incluirán visitas e prácticas. As prazas, limitadas, outorgaranse por orde de inscrición na dirección de correo electrónico turismo@padron.gal. As persoas interesadas poderán obter máis información chamando ao número de teléfono 677 347 259. O prazo de inscrición remata o venres 19 de abril.