Bisbarra, 24 de xaneiro do 2025 – Saber o que quere mocidade nunca é doado e menos para un concello que ten que pensar en toda a poboación. O de Padrón pensou que o mellor sería preguntarlle a eles.

Os departamentos de Novas Tecnoloxías, Mocidade e Voluntariado de Padrón veñen de iniciar unha enquisa dirixida á mocidade co obxectivo de coñecer as súas inquietudes, ideas e suxestións. A idea nace despois de detectar que a mocidade non dispón dunha programación específica que se axustase ás súas necesidades e intereses.
A enquisa de Padrón está dirixida a persoas de entre 14 e 35 anos e persegue dar voz á mocidade para identificar aspectos que desexan mellorar, cambiar ou reivindicar en Padrón. Inclúe unha sección específica para coñecer o seu interese no ámbito gaming, unha actividade en crecemento que podería converterse nunha alternativa de entretemento e formación no municipio.
Tamén se consultan as súas expectativas sobre o voluntariado e a posible creación dunha Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Os resultados desta consulta cidadá serán a base para a elaboración dun proxecto que o Concello presentará ao Instituto da Mocidade (INJUVE) e á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) co fin de optar a unha axuda económica de ata 48.000 euros.
Desde o Concello de Padrón faise un chamamento á participación da mocidade, resaltando que a súa implicación é fundamental para avanzar cara a unha localidade máis inclusiva e dinámica. “Queremos escoitar aos mozos e mozas, esta é unha oportunidade para que se fagan escoitar e formen parte activa da transformación da súa propia contorna”, declarou Laura Horta, concelleira de Novas Tecnoloxías.
A enquisa estará dispoñible en liña ata o próximo 31 de xaneiro a través da páxina web oficial do Concello e das redes sociais de Facebook e Instagram. Para máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello a través do teléfono 981 810 451.