Cartel do certame de poesía Rosalía de Castro do concello de Padrón
Padrón, 30/04/2026 – O Concello de Padrón, en colaboración coa Casa de Rosalía, convoca a XII edición do Certame Poético Rosalía de Castro, unha iniciativa consolidada que ten como finalidade promover a creación literaria en lingua galega e render homenaxe á escritora máis universal das nosas letras.
O certame está aberto á participación de persoas de calquera nacionalidade que presenten obras inéditas en galego e non premiadas previamente noutros concursos. O tema e a forma poética son libres, mais os traballos deberán contar cunha extensión mínima de 400 versos.
As obras deberán presentarse en papel, con letra Arial tamaño 12, por quintuplicado e baixo o sistema de plica, e remitirse ao Concello de Padrón (Rúa Longa nº 27, 15900 Padrón, A Coruña), indicando no sobre “XII Premio de Poesía Rosalía de Castro”.
O prazo de presentación de orixinais abrirase o vindeiro 4 de maio e rematará o 24 de xullo de 2026.

O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito da literatura galega e será presidido polo alcalde de Padrón. O fallo darase a coñecer antes do 31 de decembro a través do taboleiro de anuncios e da páxina web municipal. A data de entrega do galardón será acordada entre a Concellería de Cultura e a persoa premiada.
A obra gañadora recibirá un premio de 1.500 euros, un diploma acreditativo e será publicada dentro da colección de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón. As bases completas poden consultarse na web municipal, e tamén se pode solicitar máis información a través do correo electrónico cultura@padron.gal ou no teléfono 981 811 329.
Na pasada edición, o galardón recaeu na escritora viguesa Noa Pérez González pola obra Pequeno panteón politeísta, da que o xurado destacou a súa frescura, ironía e a forza evocadora das súas imaxes arredor da infancia.
