Bisbarra, 16 de setembro do 2022 – O Bloque Nacionalista Galego ven de denunciar ante a Valedora do Pobo a opacidade do goberno municipal de Padrón.
Os nacionalistas de Padrón explican ante a valedora que “ o goberno de Fernández Angueira non da resposta ás preguntas que se presentan o que supón unha falta de respecto ao conxunto da veciñanza”.

A Concelleira do BNG, Beatriz Rei, presentou a denuncia “pola falta de resposta do Goberno de Fernández Angueira ás preguntas presentadas polo BNG a través do rexistro do Concello”. As preguntas foron todas presentadas no que vai de ano. Rei considera que se trata “dunha situación intolerable que vulnera os dereitos de toda a cidadanía”.
O BNG considera que non se pode consentir esta falta de transparencia que, ademais de supoñer o incumprimento das obrigas administrativas, dificulta aínda máis o labor de control e fiscalización, xa que supón un baleiro importante na información.
A Concelleira resaltou que “o dereito á información é vital para o bo funcionamento dos organismos e administracións, e o BNG representa non so un partido político, tamén ao conxunto da veciñanza, e esta ten dereito a coñecer como se xestionan e en que se gastan os seus recursos, é intolerábel que Fernández Angueira use esta falta de transparencia para tapar a súa propia incapacidade”.
Beatriz Rei lamentou que se tivese chegado a este punto, “pero é o propio Fernández Angueira e o seu equipo de goberno quen, coa súa actitude, non deixa outra opción..”
Por outra banda a Deputada no Parlamento, Iria Carreira, comprometeuse a facer un seguimento da denuncia e apoiar esta demanda de transparencia. “Xa é hora de que concellos como o de Padrón deixen de ser cotos privados do Partido Popular, abran as fiestras á transparencia, as portas á veciñanza e corra o aire”.
