Bisbarra, 21 de abril do 2023 – A asistencia de menores ao espectáculo taurino que tivo lugar na Pascua de Padrón motiva unha pregunta parlamentaria do BNG na Comisión de Xustiza.
A deputada nacionalista Iria Carreira acusou á Xunta de vulnerar a lei por permitir que menores de 12 anos asistiran ao espectáculo. Carreira cualificou de “irrisoria” a multa de 300 euros á empresa organizadora e reprobou que a Xunta non cumpra a lei de protección de menores.
A nacionalista do BNG lembrou que nun pleno do 2015 o BNG defendeu unha moción declarando que o Concello de Padrón é contrario á celebración de festexos taurinos e cominando ao concello a non participar, de maneira directa ou indirecta, neste tipo de festexos, ademais de non promover a súa celebración; un acordo aprobado por maioría absoluta.
Na programación das Festas de Pascua do ano 2022 volvían a ter presenza os espectáculos taurinos e volvían a acudir menores as gradas. Isto motivaba un expediente sancionador, por parte da Xunta de Galicia, á empresa organizadora que pechábase cunha multa de 300 euros.
Iria Carreira criticaba que un ano despois sucedera o mesmo e insistía na necesidade de poñer medidas preventivas
Pola súa banda o Director Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, lembraba nas súas intervencións que as competencias no caso dos espectáculos taurinos eran do Goberno Central e que a Xunta no 2017 emitira un decreto que impedía a asistencia de menores. Confirmaba ademais que se abrira de nova un expediente sancionador que, previsiblemente, tería en conta a reincidencia