Padrón, 31 de xullo do 2020 – Unha moción de urxencia do BNG de Padrón desvelou, no pleno municipal, que unhas obras do concello contaminaron o manancial do que se servía unha vivenda.
A moción non chegou a ser debatida xa que a abstención do goberno municipal do Partido Popular impediu aprobar a urxencia. A concelleira do BNG de Padrón, Beatriz Rey, explicou na xustificación da urxencia os feitos acontecidos ao carón dunha botella chea da auga contaminada.
A vivenda situada no lugar do Vilar recibe a contaminación de augas fecais despois dunha actuación do concello na tubería de saneamento municipal fronte a casa. Os operarios cortaron. dentro da arqueta, a parte superior da tubeira de saneamento o que provoca continuos desbordamentos que afectan a finca e ao pozo tradicional que subministra auga potable á vivenda.
O BNG xa denunciou esta grave situación hai tres anos na que quedou constatado que a auga do pozo contiña residuos fecais e que non era apta para o consumo. A situación, lonxe de arranxarse, empeorou e na actualidade a auga do pozo nin sequera pode ser utilizada para o servizo doméstico polo forte cheiro que desprende.
Os nacionalistas reclamaban no acordo que o concello proporcionará un subministro de auga potable á vivenda, con carácter urxente e sen cargo de económico de conexión nin de consumo, en tanto non se solvente o problema da contaminación que ten a súa orixe no saneamento municipal. Tamén piden que se acometan as obras oportunas para garantir o fin dos desbordamentos de augas fecais na zona.
