Bisbarra, 5 de decembro do 2023 – O Concello de Padrón recadou axuda humanitaria para a poboación saharauí, que lle será enviada nunha misión humanitaria na que participará a concelleira de Servizo Sociais, Xuventude e voluntariado, Mariló Saco.
O salón de plenos acolleu o acto de agradecemento a todas as empresas, aos centros educativos e aos particulares que contribuíron nesta doazón. O alcalde, Anxo Arca, xunto as concelleiras de Urbanismo, Ana Belén Castro; de Participación cidadá, Laura Horta; e de Servizos Sociais e voluntariado, Mariló Saco, amosaron a súa satisfacción pola gran resposta do tecido social da vila á hora de colaborar nesta importante iniciativa.
A delegación padronesa viaxará ao Sáhara desde hoxe ao 10 de decembro co obxectivo de brindar apoio ao pobo do Sáhara ante as necesidades críticas ás que se enfronta a rexión especialmente dende o Covid-19, cando moitos campamentos de refuxiados e refuxiadas perderon estrutura de axuda debido a pandemia e a imposibilidade de transporte.
Os colexios Flavia e Rosalía de Castro; as farmacias Nova e Baltar; a óptica Bragado; a zapatería Soletes; os Almacéns Eladio; Arañeira Informática; Berma Kiosko Patty; Librería Pensamentos; O Liño bordados; Peluquería Silvia’s Look; e moitos particulares colaboran co envío de material. O Concello lamenta que non se puidese facer un chamamento xeralizado por mor das restricións de espazo e de peso establecidas pola organización da misión humanitaria a cada delegación.
O envío inclúe subministracións esenciais nos que se integran alimentos non perecedoiros e artigos de primeira necesidade como leite para os máis pequenos ou material educativo e mesmo doces co obxectivo de aliviar as dificultades que enfronta a poboación saharauí. A situación de extrema gravidade que padecen os campamentos de refuxiados fixo especialmente necesario o envío de medicamentos tan básicos como os ibuprofenos dos que carecen os hospitais.
O envío de material reflicte o compromiso do goberno local de Padrón cos principios humanitarios e a solidariedade internacional. Ademais de proporcionar asistencia tanxible, a iniciativa busca tamén sensibilizar á veciñanza padronesa sobre a situación no Sáhara e fomentar o compromiso con causas solidarias.