Bisbarra, 30 de decembro do 2022 – O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación das obras de ampliación da estación de tratamento de auga potable en Padrón.
Os traballos en esta estación potabilizadora supoñen un investimento de nove millóns de euros. O obxectivo é incrementar a capacidade de tratamento de auga potable nas instalacións da rede de abastecemento en alta, que subministran aos concellos de Boiro, Catoira, Dodro, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira e Valga.
Coa ampliación o servizo podería servir tamén, de ser necesario, para abastecer ao concello de Vilagarcía de Arousa, que xa está conectado ao sistema. O proxecto será licitado nas vindeiras semanas. Tras as obras atenderase a unha poboación de 90.000 habitantes.
O obxectivo da Xunta é iniciar os traballos no segundo semestre do 2023, cun prazo de execución de dezaoito meses, incluída a súa posta en marcha. A Xunta de Galicia asume integramente o financiamento e execución dos traballos en virtude dun convenio autorizado no Consello da semana pasada. O acordo recolle un investimento global de 10,1 M€, tendo en conta o custo e dirección de obra e os traballos de seguridade e saúde.
Pola súa banda, o Concello de Padrón asume a colaboración na realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como da procura a Augas de Galicia do uso e da dispoñibilidade das infraestruturas resultantes para a súa xestión, explotación, conservación e mantemento.
Os traballos serán financiados no marco do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e o Consello, do 12 de febreiro de 2021.
As obras que se van executar O da marxe dereita da ría de Arousa é o único sistema de abastecemento en alta de Galicia que xestiona a Xunta, que o fai conforme o acordado no ano 2004 cos concellos beneficiarios. Coa autorización das obras, impúlsase a contratación da ampliación da capacidade de tratamento da actual potabilizadora de Padrón, situada nas proximidades do núcleo de Casal na parroquia de Carcacía, dotándoa, ademais, dun sistema para a recuperación da auga de lavado de filtros que actualmente son verteduras ao río Ulla.
Nesta intervención, tamén se prevé un tratamento de lodos de decantación do que a planta actual non dispón e dun sistema de control que integre tanto os equipamantos existentes como os que forman parte da ampliación cun sistema de xestión SCADA e un sistema de videovixilancia.
Adicionalmente, na rede de distribución, acometeranse reparacións estruturais nos depósitos de cabeceira do Casal, e dotaranse cunha medida de caudal de saída á rede con lectura en continuo. Así mesmo, instalarase un sistema de medición en continuo da calidade de auga nos puntos de entrega en alta e realizarse o control de nivel e enchido de depósitos da rede de distribución con medición de nivel en tempo real e instalación de válvulas de control de entrada de auga.
Con estas actuacións, a capacidade de tratamento da planta incrementarase dos 225 l/s de deseño inicial da planta, ampliados ata os 450 l/s en 2004, ata os 630 l/s. De xeito acorde coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, a Xunta mantén o seu apoio aos concellos que así o desexen nun mellor desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración.